Contracultura

Ignacio Vidal Portabales: "Escribo porque é algo que me acouga e o meu principal obxectivo ao facelo é divertirme"

Ignacio Vidal Portabales (Compostela, 1958), profesor de Dereito Mercantil na Universidade de Santiago de Compostela, aínda non hai dez anos que lanzaba a súa primeira novela, 'Dióxenes en Dolorida' (Xerais, 2013), tras ser distinguido co prestixioso Premio Blanco Amor. Desde entón vai acumulando narrativa e premios a un ritmo notábel e este ano abordaba tamén un xénero esixente como o infanto-xuvenil coa novela 'Sangue no dron' (Xerais, 2022). A semana pasada, o xurado do Manuel García Barros da Estrada anunciaba que a súa obra 'As horas dunha illa remota' resultara gañadora da edición deste ano. Unha nova novela que verá a luz con Galaxia en decembro.
O escritor e profesor Ignacio Vidal Portabales, autor da obra galardoada 'As horas dunha illa remota'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O escritor e profesor Ignacio Vidal Portabales, autor da obra galardoada 'As horas dunha illa remota'. (Foto: Nós Diario)

—Sobre que trata a nova obra As horas dunha illa remota?
Trátase da historia de dúas mulleres desde que son pícaras. Teñen unha vida complicada pola relación co seu pai, pero tamén por unha creba económica e por relacións que non resultan moi axeitadas. Reciben unha herdanza que parece que vai cambiar a súa vida para sempre pero digamos que as cousas non se desenvolven da maneira agardada.

Non quero desvelar moito máis da trama, pero si que é unha obra, como algunhas das anteriores, na que as relacións humanas e os sentimentos teñen un gran protagonismo, con algún desengano amoroso tamén.

—Como son os seus procesos de escrita? Hai moita diferenza coa escrita ensaística das súas outras obras?
Adoito escribir de forma constante, ás veces non teño moito tempo polo meu traballo como profesor na universidade pero trato de escribir todos os días e aproveito os períodos vacacionais para darlle pulo e forma ao que levo feito o resto do ano. Hai unha gran diferenza entre este proceso e a escrita xurídica, que é moi traballosa e require un enorme rigor.

A escrita creativa é moi diferente, aínda que eu polo menos preciso dunha gran tranquilidade para enfrontala. Escribo porque é algo que me acouga e diría que o meu principal obxectivo ao facelo é divertirme. Non escribo pensando en cambiar a sociedade, senón simplemente para entreter, tamén porque eu desfruto facéndoo. Sempre é agradábel recibir un premio e especialmente agora, que é tan complicado publicar, serve tamén de porta para a edición da obra.

A novela está inspirada polo feito de que o meu fillo traballa nunha empresa relacionada co mundo dos drons e sempre viña á casa contando cousas moi interesantes

—Como foi esa incursión na literatura xuvenil que é Sangue no dron? Gustaríalle seguir facendo cousas para este tipo de público?
Gustaríame continuar escribindo para o público novo, a idea de facer novela xuvenil é algo que me acompañou desde sempre. Esta novela é curiosa, porque está inspirada polo feito de que o meu fillo traballa nunha empresa relacionada co mundo dos drons e sempre viña á casa contando cousas moi interesantes e algunhas novidades do sector. Tiven a idea de facer unha novela sobre o tema, que resulta tan interesante para as persoas máis novas. Gocei moito coa escrita desta obra e tamén foi un reto de carácter tecnolóxico, xa que na trama hai que xustificar algunhas cousas dunha maneira moito máis precisa do que esixe unha novela sobre sentimentos ou relacións persoais, que son algo subxectivo.

—Como mide a reacción do público e a acollida das obras até agora?
Recoñezo que son un pouco ermitán nese sentido. Claro que me gusta que as obras teñan boa acollida, tamén da crítica, que penso que é moi necesaria e que nos axuda a mellorar, aínda que os puntos de vista das persoas lectoras e de quen escribe non teñen por que ser sempre coincidentes. Tamén teño a sorte de que a miña parella e a miña filla son grandes lectoras e teñen unha sinceridade esmagadora que me axuda moito a pulir as diferentes versións das obras. Elas son sempre as primeiras receptoras do que escribo.

—Hai algunha previsión sobre o que nos vai deparar a obra de Vidal Portabales no futuro?
Non teño un plan preconcibido sobre as vindeiras obras aínda que seguramente seguirei falando desa perspectiva dos sentimentos e as relacións humanas. Estou traballando agora en algo, pero tamén teño un certo pudor a falar dos proxectos futuros porque agora mesmo non é doado publicar e nunca sabes se van acabar nun caixón. De todas formas, non fago drama con iso, para min tamén contan as horas investidas na creación, que son horas que desfruto moito persoalmente.

Comentarios