'Sermos Galiza' debulla con Ignacio Ramonet as chaves para entender o mundo

O novo número do semanario abordará tamén a milenaria tradición da olaría galega e a obra arquitectónica de Juan Seara e Berta Peleteiro, alén das últimas novidades literarias, musicais e cinematográficas... E moito máis!
Capa e detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana.
photo_camera Capa e detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. Desta vez o protagonista é o xornalista, doutor en Ciencias Sociais e doutor honoris causa pola USC Ignacio Ramonet, que regresou vinte anos despois á Universidade de Santiago de Compostela para impartir, esta quinta feira, un seminario sobre xeopolítica contemporánea na Facultade de Ciencias da Comunicación. Antes diso tivo tempo para conversar coa directora deste xornal, María Obelleiro, que asina unha entrevista que titula 'Radiografía dunha policrise'.

"Non hai capacidade de saber que acontece en Ucraína, ninguén pode sabelo. Bajmut foi conquistado polos rusos ou os ucraínos seguen alí? Non o sabemos, nin sequera Biden o sabe, porque a información que recibimos nós está revisada pola OTAN. Non nos permiten acceder á información rusa. Se entras en Russia Today, córtanche Facebook e Twitter, mais, aínda que conseguises entrar, a información rusa non ten ningunha garantía de ser verdade e, se vas á fronte, non vas ver nada", sinala o xornalista nesta extensa conversa.

A memoria do barro, unha tradición milenaria que chega á actualidade

Outrora oficio de campesiños relegado ás necesidades dunha Galiza eminentemente rural, a olaría tradicional galega sobreviviu ao paso dos séculos vencellada ao seu simbolismo. Unha artesanía que mantén as esencias da súa elaboración tradicional e que se adaptou aos novos tempos e aos requirimentos que fixo a chegada da modernidade. Unhas pezas que gardan na súa historia a memoria dun país. E diso fala Elvira Branco na reportaxe que abre este novo número do semanario.

"En primeiro lugar, a arxila amásase para que a humidade e outras partículas se distribúan de maneira homoxénea e para evitar burbullas que comprometan a resistencia da ola. Despois, esta arxila modélase manualmente ou empregando ferramentas. Se se utiliza o torno, as pezas teñen que desbastarse para facer que o espesor da parede sexa uniforme en toda a peza, pero isto só pode facerse cando a ola secou o suficiente para soportar este tipo de manipulación", explica a xornalista.

Seara-Peleteiro, xogo xeométrico

O xogo e a diversión forman parte da infancia pero pérdense ao chegar á vida adulta, esquecendo esa forma de experimentar o mundo. Os arquitectos Juan Seara e Berta Peleteiro tratan de recuperar o espírito lúdico na experiencia da arquitectura. Crean espazos sorprendentes e inesperados, dentro dunha xeometría clara. Conxugan a sensibilidade co territorio e o rigor construtivo coa diversión. Iago Valverde analiza a súa obra arquitectónica na segunda reportaxe deste Sermos.

"Berta e Juan. Teñen a necesidade de divertirse creando. Ao tempo, os espazos que crean teñen que ser divertidos e sorprendentes para os usuarios. Danlle a volta á idea tradicional, onde son as casas as que se adaptan á xente. A forma tradicional pode xerar espazos anódinos, onde non sucede nada interesante. Eles pensan a arquitectura ao revés", relata.

Literatura, música, cinema... E máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Manuel López Foxo analizan na sección de Libros as últimas novidades do ámbito editorial, a comezar por Multitudes (Xerais, 2023), de María Reimóndez, e unha retrospectiva da novela A canción do vagamundo (Sotelo Blanco, 1986), de Lois Diéguez.

No apartado musical, Lois Agrelo bota tamén a vista atrás para escoitar de novo á banda santiaguesa N. H. U., a través do seu disco homónimo (Novola, 1978 - reeditado por RCA, 2000), ao tempo que o equipo de Sermos achega tamén as últimas novidades no panorama musical da Galiza. Pola súa parte, Xurxo Souto escribe un artigo titulado 'O outro lado da música, a poesía', dedicado a Luísa Villalta.

E o experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Gardiáns da Galaxia, volume 3, dirixida e guionizada por James Gunn (Marvel Studios, 2023), así como outras recentes estreas na gran pantalla. Aliás, Ramsés Pérez trasládanos á vida das aves nos tellados na sección Ir ás aves, mentres Carlos L. Bernárdez, no apartado de Arte, analiza a obra gráfica de Conde Corbal en Cambados. O artigo que presenta este novo número do semanario asínao a zoqueira artesá Elena Ferro e leva por título 'Retranca'.

E, por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios