O festival avanza os cabezas de cartel

Iggy Pop e David Guetta, confirmados para O Son do Camiño

A segunda edición do festival Son do Camiño de Santiago de Compostela xa confirmou os cabezas de cartel. Entre eles estarán o histórico precursor do punk -conta 72 anos- Iggy Pop ou o picadiscos e produtor de electrónica comercial David Guetta.
 

Son do Camiño
photo_camera Imaxe do festival o pasado ano. Foto: O Son do Camiño.

O festival, cuxa primeira edición se celebrou o pasado ano, insiste na súa fórmula e contrata músicos pop de envergadura internacional, indubidábel éxito nas radiofórmulas e unha actualmente discreta relevancia artística. É o caso de Richard Ashcroft -fundador da banda brit pop The Verve-, de Bloc Party, de Black Eyed Peas ou dos suecos The Hives.

A que si estará no Monte do Gozo entre os días 13 e 15 de xuño no cimo da súa popularidade é a catalá Rosalía, fenómeno artístico e comercial ao mesturar aires flamencos e acentos de músicas urbanas. A cota galega fórmana, polo momento, o rock&roll de orixe sesenteira de Familia Caamagno, a folktrónica vangardista de Baiuca ou a canción pop de Iván Ferreiro.

O nacemento do Son do Camiño, un macrofestival xurdido cando esa fórmula comeza a ser cuestionada por xestores culturais e artistas, non estivo exenta de polémica. A concesión da marca realizada pola Xunta a unha unión temporal de empresas provocou a protesta do sector e da oposición política, ademais do elevado orzamento manexado, 2,5 millóns de euros, e adxudicado a dedo.

Comentarios