martes 24/11/20
Falamos coa xornalista vasca arredor do feminismo, da identidade e da subalternidade.

Idurre Esquisabel: "É importante que as mulleres tomemos a voz pública"

Idurre Eskisabel visitou Compostela a comezos do mes para formar parte do encontro da Libraría Lila "Afinidades electivas", que consistiu nunha profunda conversa entre ela e a escritora María Reimóndez. 
Idurre Eskisabel. / Berria
Idurre Eskisabel. / Berria

—"Afinidades electivas" pon en contacto autoras das diversas linguas do Estado. Como foi o encontro con María Reimóndez?

Para nós ese proxecto foi a escusa ou o instrumento para propiciar algo que tiñamos pendente. Coñecémonos haberá un par de anos en Guipuzkoa, no marco dunhas xornadas sobre a intersección entre xénero, clase e lingua. Sabiamos da obra de María e convidámola, e xurdiu esa afinidade que intuíamos por eses puntos de sensibilidade común respecto da lingua, do xénero... das nosas subalternidades. As nosas vivencias levábannos a lugares semellantes e esa intuición a priori de poder compartir e conspirar xuntas fíxose realidade, tamén no persoal. Tiñamos pendente outro encontro que se materializou agora en Compostela. Con mágoa porque as circunstancias non nos deixaron que o formato fose propicio para cruzarnos con máis xente en directo, pero a emisión en liña permitiunos, polo menos, chegar.

—Na conversa, vostedes falaron moito dos corpos. Cal é o motivo desa importancia?

O corpo é fundamental porque dalgunha maneira a feminidade, desde unha visión patriarcal, defínese a través do corpo, é dicir, o sustento da nosa subalternidade vén a través del, é o que nos fai o outro ou a outra, o que nos determina fóra do universal, o que nos converte en particular, en cidadás de segunda, e o que nos limita ou o que nos limitou moitas veces á hora de crear o noso camiño e de ter acceso á nosa soberanía. Pero á vez o corpo tamén é o que somos e o único lugar polo que podemos subverter toda a orde. Coido que as mulleres temos que facer e estamos a facer ese camiño, resignificar o corpo, darlle outro contido, outra forma e outro movemento.

—E hai algunha fórmula para facer esa resignificación?

Non creo que haxa unha única fórmula, senón que vexo moitas subversións diferentes. Hóuboas que consistiron en escapar do que se nos definiu como feminidade, incluso empezando desde o que se considera corpo axeitado ou non axeitado, a vestimenta, o movemento... Unha forma de subvertelo é escapar desa feminidade estabelecida e outra forma, que igual é máis sutil, é resignificar esa feminidade, porque na outra forma, moitas veces, a escapada da feminidade leva a un corpo totalmente masculino, por iso é interesante resignificar desde o noso o que é a feminidade e incluso buscar intermedios e interseccións. 

—Explíquenos a que se refire cando fala de subalternidade.

Falo de situacións nas que as persoas non podemos exercer plenamente os nosos dereitos, e tamén os nosos deberes, e sobre todo temos moitas dificultades para decidir sobre nós mesmas e nós mesmos. Dalgunha maneira as circunstancias socio-políticas e socio-económicas sitúanos en lugares distintos e a capacidade de decisión sobre a propia vida é diferente. Ter unha mingua importante de capacidade de decisión sobre a túa propia vida é para min a subalternidade. Esa carencia de poder sobre a túa propia vida, que normalmente vén determinada pola túa posición de clase, polo xénero, pola lingua, pola orixe...

— Fala vostede tamén de tomar a "voz pública"...

Iso é importante porque as mulleres aínda arrastramos unha negación histórica, que se nos pega nas entrañas como se tivésemos un fallo xenético que nos impide falar das cousas que denominamos importantes. Hoxe en día, a maioría das subalternidades teñen como característica común unha negación da palabra, da voz, da posibilidade de estar no espazo público... A democracia, se tivese un sentido pleno, basearíase en ter a capacidade de ter voz nese espazo público pero, o que ocorre, en realidade, é que a maioría da xente se ve incapaz e incapacitada. Falo de cousas pequenas, por exemplo, canta xente ten dificultades para tomar a palabra no consello escolar, ou nun pleno municipal... Como cidadanía non se nos adestra nin se nos dan ferramentas para esa participación, para esa autoxestión de nós mesmas. Iso, no caso das mulleres, é un engadido. Historicamente hai un pensamento de fondo que consiste en que as mulleres, á hora de pensar, tendemos moito máis ao emocional e ao irracional, a fin de contas, que o noso pensamento e a nosa palabra non son da mesma calidade que a voz masculina. E falo das mulleres pero podería falar das persoas que no seu ámbito sociolingüístico fagan uso do galego e atopen dificultades para falar o castelán correctamente. En Euskadi pasa, e para tomar a palabra telo que facer en castelán e ten que ser correcto, senón xa es catalogada como incapacitada para ter esa participación. 

"A lingua activa a memoria ancestral" 

A poeta e antropóloga é coñecedora da poesía galega e ao ler a Olga Novo ou a María Reimóndez, di, "atopei cousas que me unen a elas, conexións vivenciais". Sobre este vínculo, a autora vasca explica que "sempre teño a impresión de ter vivido e de seguir a vivir nun lugar moi híbrido, esa mestura entre un sitio industrializado e á vez rural". Unha dualidade que para Idurre Eskisabel "vén por vivir en lugares onde hai un conflito de linguas" e que xustifica tamén esa unión sentida coas poetas galegas. "Vivir este conflito na nosa propia carne fainos mulleres moi situadas no contemporáneo, porque vivimos con certa incomodidade e esta faiche estar na busca dentro da contorna, e por outra parte temos a memoria ancestral moi activada pola lingua, porque o tema do idioma está moi unido á identidade, non só nacional senón tamén persoal", expón.

comentarios