Teatro

A Formiga Producións Teatrais: "Identificámonos moito co traballo da formiga"

Daniel Celester e Silvia Lorenzo queren dedicar a súa vida á interpretación. Hoxe fanse noticia porque acaban de dar o salto para montar a súa propia compañía: A Formiga Producións Teatrais. Inician así un camiño con optimismo no que asumen a súa capacidade de traballo como o mellor activo, conscientes de todo o que supón enfrontar as cuestións máis empresariais que aparecen no eido da cultura. 
As creadoras d'A Formiga: Silvia Lorenzo e Daniel Celester.
photo_camera As creadoras d'A Formiga: Silvia Lorenzo e Daniel Celester.

Como xorde a necesidade de montar unha compañía?

Coñecémonos hai dous anos facendo un curso de interpretación ante a cámara aquí na Coruña. Comezamos con outro grupo que despois se converteu en asociación teatral: A Revolta. Naquel momento o que xurdiu foi un conxunto de teatro breve, o que se chama microteatro, se ben este é un nome comercial que tecnicamente non se pode usar. As montaxes que tiñamos ían nesa liña, durante os dous anos que estivemos a traballar. Este verán fomos facer un curso a Cariño de creación escénica, con Ibuprofeno Teatro, e as viaxes desde A Coruña son tres horas de coche. Nese tempo démoslle moitas voltas á cabeza. Decidimos dar un paso adiante e profesionalizarnos. A Formiga Producións Teatrais nace así coa idea de facerse un oco no panorama da creación teatral galega.

Xa están en marcha as primeiras producións?

Si, temos xa unha peza de teatro breve duns 25 minutos e queremos introducir algo de creación colectiva que complete un espectáculo dunha hora para poder levalo a auditorios. Aínda non temos moi claro o título, pero a temática é de comedia negra, baseándonos nas lendas e supersticións sobre a morte e o máis alá. Aí hai moito material, que queremos tratar sempre dunha óptica crítica e humorística, cun pouco de retranca, que é o que nos vai caracterizar a partir de agora. O que pretendemos é crear a nosa propia dramaturxia de improvisacións, para o que tamén contaremos coa axuda dun director. 

Somos conscientes de que estamos comezando, o que queremos é construír dentro da nosa parcela o que poidamos achegar

Como se ve o panorama teatral desde a óptica deses primeiros pasos?

Dá vertixe. Mais hai que ser optimista, porque se non xa vas abaixo directamente. Na Galiza hai tecido teatral e nós temos moita ilusión e ganas de traballar. Levamos anos formándonos e chegou o momento de dar un salto. Non imos con grandes pretensións, senón que procuramos traballar naquilo que nos gusta, gozar do proceso e poder crear algo que mova o público dalgún modo. Cremos que a cousa é ir pouco a pouco con toda esa enerxía e a experiencia de anos de formación. Somos conscientes de que estamos comezando, o que queremos é construír dentro da nosa parcela o que poidamos achegar. Ese é o espírito da propia formiga, por iso a escollemos como símbolo. Identificámonos moito con ela, porque somos de traballar paso a paso, facendo cada día un pouco máis. Os resultados van saíndo: hoxe xa se nos coñece, mañá saímos en Nós Diario [rin] e pasado xa se verá. Non temos grandes padriños, pero temos moita capacidade de choio. 

Comentarios