A iconoclastia de Don Paco: A relación con Piñeiro, Celso Emilio, Cunqueiro...

É Francisco Fernández del Riego o último iconoclasta da nosa cultura? O heterodoxo galego do século XX? No libro Conversas con Paco del Riego (Perfecto Conde, Xerais, 2018) pódese entrever que si. Que, polo menos, non se limitou a representar un papel oficial –e menos aínda oficialista– desta cultura. Home culto e progresista, cultivou con esmero a arte ben galega e histórica do maldiçer, pero sen chegar ao escarnio. Por algo foi un dos mellores amigos galegos de Manuel Rodrigues Lapa.
En primeiro termo, Arturo Muñoz Moratorio e Luísa; no segundo, Del Riego e Evelina Hervella e, no terceiro, Moraima Loredo e Celso Emilio Ferreiro, en Vigo, no martes de Entroido de 1953 (Imaxe: Arquivo Antón Mascato)
photo_camera En primeiro termo, Arturo Muñoz Moratorio e Luísa; no segundo, Del Riego e Evelina Hervella e, no terceiro, Moraima Loredo e Celso Emilio Ferreiro, en Vigo, no martes de Entroido de 1953 (Imaxe: Arquivo Antón Mascato)

Cando a directora deste xornal me pediu que escribise un artigo sobre a parte máis heterodoxa ou menos formal de Francisco Fernández del Riego non lle deixei rematar o propósito. Interrompina para dicirlle que aceptaba porque me apetecía repasar o aspecto iconoclasta do protagonista do meu libro Conversas con Paco del Riego (Xerais, 2018).

Eu son dos poucos que pensamos que á cultura galega sóbralle algo de compracencia e de corporativismo acrítico, e adoece dunha praxe autocrítica máis contundente e esclarecedora. Para entendérmonos, menos amiguismo “capillista” e ás veces provinciano.

Por exemplo, a min enfeitizoume o xeito libertario mostrado por Don Paco para falarme sen censura nin papas na boca de Ramón Piñeiro, Carlos Casares, Álvaro Cunqueiro, Castelao, Celso Emilio Ferreiro, Vicente Risco e algún máis, sen que lle tremese a voz nin ter que ollar para outro lado, e non era precisamente “falar mal deles” o que facía, senón exercer libre e valorosamente o dereito á crítica. Acaso isto non é algo infrecuente no actual panorama cultural, que se cadra esqueceu de máis que vén dun pasado de escarnio e madiçer que foi glorioso?

Ramón Piñeiro

Os que tivemos a sorte de asistir máis dunha vez á célebre “mesa camilla” na que impartía o seu maxisterio Ramón Piñeiro e tratamos máis a fondo a Paco del Riego, sabemos ben que eran personaxes case contraditorios. Non é de estrañar, polo tanto, que o segundo emitise opinións tan contundentes comas que reproduzo a continuación: “Ramón cometeu un erro, ao meu ver. Galeguizábaos a todos, pero trataba de facer con eles unha cura antimarxista, e á xente nova non se lle podía poñer o freo dese xeito. De tal maneira que, á parte dos adeptos, Piñeiro tamén creou moitos inimigos”. “O anticomunismo de Piñeiro coido que foi unha equivocación moi gorda. Facíao de boa fe, sen dúbida, pero equivocadamente”. “Ao meu ver, era un gran coñecedor dos problemas e sabía afrontalos, pero non resolvelos”. “Era un home que xa naceu vello. Non coma min, que me criei nas aulas universitarias e sempre souben que á mocidade non hai que frearlle o seu entusiasmo”.

Aínda se mostrou máis contundente cando me dixo que Piñeiro “seguiu un camiño que eu estimaba que non era o meu e daquela seguimos sendo amigos, coma sempre, pero non identificados coma antes, nin consagrados totalmente a unha liña de conduta, senón que seguimos liñas distintas. Os dous, honestos e coherentes posiblemente, pero en realidade a el interesáballe máis que o feito de existir un partido político galeguista, galeguizar os partidos sen considerar que os partidos políticos estatais dependían dun aparato que sempre influía para impedir determinadas cousas”.

[Este é un extracto do texto que se publicará no SERMOS GALIZA ESPECIAL FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO o 13 de maio. Para ler o artigo íntegro, compra Nós Diario nos puntos habituais de venda este sábado]
 

Comentarios