Contracultura

Iago Varela: "Buscamos a satisfacción no futuro escapando do aquí e do agora, da esencia do presente"

Iago Varela, enxeñeiro, vén de autopublicar o seu primeiro libro, A rebelión dun buda: e as chaves da última realidade. Varela aborda o proceso que o levou a escribir esta obra, así como os beneficios que ve na filosofía oriental que, como di, "cría que sería capaz de axudar moita xente". 
O autor Iago Varela combina a súa faceta de enxeñeiro coa súa paixón pola filosofía oriental (Foto: @ceibe.art).
photo_camera O autor Iago Varela combina a súa faceta de enxeñeiro coa súa paixón pola filosofía oriental (Foto: @ceibe.art).

Como xurdiu A rebelión dun buda: e as chaves da última realidade?

Despois dunha década de lecturas sobre o tema, chegou un día no que me sentín capacitado para facer este libro. Tiña esa vontade e cría que sería capaz de axudar moita xente. Precisamente esta é unha das cousas máis habituais que me din as persoas que leron o libro. Tamén que o libro expón palabras ou conceptos que coñecemos de forma intuitiva mais que non somos quen de expresar.

Isto último tamén formou parte do meu proceso de escrita en certas partes do libro. Por outro lado, tamén quería combater ese inimigo invisíbel que pode ser a mente en moitas ocasións. Nestes momentos vemos noticias nas que se fala do consumo cada vez maior de ansiolíticos cando, para min, a raíz do problema está no capitalismo. 

Isto é o que provoca o impulso de ter que ser sempre persoas produtivas, que buscan un crecemento antinatural e unha satisfacción ou unha realización que non leva a ningún lado porque non hai un obxectivo final. Todo isto reflíctese na vida de moitas persoas que sempre buscan máis, que son incapaces de parar porque teñen esa mente egoica da que falo eu. 

Ao final, temos que pensar que vivimos nunha sociedade enferma, que é forte dicilo, mais é así. Buscamos a satisfacción no futuro escapando do aquí e do agora, da esencia do presente.

Gústame dicir que o ser humano ten unha natureza búdica porque isto implica que todos somos un Buda en potencia e que simplemente temos que desenvolvelo. O libro dá unha visión ampla das filosofías non duais, que priman o ser consciente e a liberación das construcións da realidade polas que estamos influenciados.

Entón, eu explícoo primeiro dunha forma non teórica, logo introduzo a teoría e, por último, explico diferentes técnicas de meditación que proveñen do hinduísmo ou da atención á respiración que propón o budismo como forma de chegar a este estado supraconsciente. 

Di na súa web que atopou máis respostas sobre o auténtico estado de benestar do ser humano na filosofía oriental. Por que cre que é así?

Sempre tiven unha tendencia natural a tirar por aí e ao comezar a ler esta filosofía vin que tiña moito sentido o que explicaban, de aí tamén o nome do meu libro. A rebelión implica confrontar o condicionamento social ao que estamos sometidos simplemente polo feito de estar vivos e de estar nesta sociedade. É esa capacidade de saber escoller a vida que queres, de expresarte como queres facelo, e chegar a unha vida auténtica. 

Buda para min é o mestre máis racional que existe porque non fala da iluminación nin da relixión, fala da raíz do sufrimento e de filosofía. Isto leva, inevitabelmente, a cultivar esa consciencia no presente e a explicar o tema da meditación desde onde o explico eu no libro. 

Como convive esta faceta coa de enxeñeiro?

Non me vía estudando filosofía ou humanidades porque non son quen de estudar o que non me gusta. Sabía que toda a filosofía oriental a ía estudar pola miña conta e penso que tomei unha boa decisión. No caso da enxeñaría, é algo que fago para ter un soldo e para comer, mais tamén é algo que me gusta. 

Non sabía que quería facer, polo que antes fixera un ciclo para darme o tempo de escoller, e finalmente pensei que podía facer moito máis, que quería ter que enfrontarme aos meus límites e dar o mellor de min. Son dúas facetas que para min conviven perfectamente porque tamén no meu tempo libre dediqueime a compor música e estiven nunha banda. 

Quero dicir que non son o perfil máis técnico no mundo, son temáticas que me gustan. O único que hai en conflito é que eu sería un ermitán moi feliz e que creo que o traballo debe dar valor á sociedade, polo que é algo no que intento pensar moito no meu campo.

Comentarios