Iago Santás, 'Semente de berrar': "Queremos que o documental teña unha vertente cronolóxica, artística e de país"

O grupo impulsor do proxecto 'Semente de berrar' está integrado por persoas e colectivos vencellados ao activismo cultural. Así é o caso do Colectivo Death or Glory, No Major Films, a montadora Alba Gallego e o docente Iago Santás. O obxectivo que perseguen, e que se complementa cunha campaña de micromecenado en goteo.org, é o de construír un documental para conmemorar o 40 aniversario do inicio da movida viguesa e repasar a historia da contracultura galega.
Iago Santás semente de berrar
photo_camera Iago Santás

Explíquenos como xorde este proxecto documental?

Nace pola necesidade de rexistrar algo que non estaba documentado e facer un traballo artístico ou contra-artístico. Había anos que, tanto por vontade propia como por “peticións externas” do mundo editorial, me ían animando a documentar nun libro todo o que foi a contracultura galega desde 1981. Mais para glosar as bandas non habería problema, e iso xa o temos en Wikipedia, nas fonotecas ou no librazo de Fernando Fernández Rego... Darlle forma a todas estas cousas, non sendo escritor, non me o considerei adecuado, así que pensamos pór o foco nas protagonistas, pareceunos o máis interesante.

As tres ideas que bailan no proxecto son os 40 anos que hai que se produciu o nacemento do que se coñeceu como a "movida viguesa"; Galiza, porque é aí onde o queremos enmarcar, en grupos que son nosos; e, en terceiro lugar, reunir os sons que eran algo máis da rúa, nomeadamente o punk pero calquera subxénero que puidera nacer del. É dicir, dar unha vertente cronolóxica, unha vertente de país e unha vertente artística.

Queremos facer un documental moi aberto, para que calquera persoa que non formou parte dese momento o entenda, e vexa que houbo unha serie de realidades que non foron contadas nos medios senón a través de cancións.

Queremos pórlle o micro á xente que tocaba a guitarra, a quen estaba de público, a quen editaba un fanzine, a quen montaba un concerto... E tamén xente externa, allea, do mundo universitario, por exemplo, coetáneos das bandas, xornalistas daquela época... Facer un proxecto plural, non limitado a 40 anos e 40 bandas.

A elaboración do traballo e a campaña de micromecenado decorren en paralelo. Cal é a situación a día de hoxe?

O proceso de pre produción está feito. Foi un traballo laborioso porque hai moita xente e porque, aínda que fose un movemento que desde o 2021 parece que non existe porque non é tendencia, na Galiza houbo moitísimas bandas, en todas as vilas houbo unha, dúas ou dez, e iso fai que sexa un proceso difícil.

Temos pre axendados 32 dos 40 persoeiros cos que contamos e trátase de xente moi diferente, desde Bala, unhas rapazas que están a tocar hoxe en día e que xa correron medio mundo; a Xacobe, un mozo de Vigo da xeración dos 80 que está emigrado en Berlín facendo tatuaxes; ou Viuda Gómez e Hijos, un dos grupos dese fenómeno que foi o Atlantismo, xunto a La Naval ou Radio Océano. É un traballo militante, é dicir, facémolo por amor á arte.

O que ten máis custo é a parte técnica: a realización, a produción e a montaxe, que aínda non comezaron pero iniciaranse antes de que remate a campaña, porque somos optimistas con ela e por unha decisión persoal, quixemos que fose un modo de traballar para o colectivo, economías colaborativas...

Que importancia diría que tivo aquel momento?  

En documentais sobre o "rock radical vasco" saen moitos produtores falando de que o único proceso semellante estaba na Galiza. Aquí xurdiu o que se deu en toda Europa a partir do 77, que para a mocidade empezou a ser sinxelo facer música, con tres acordes e sen gastar moito en equipamento técnico, era algo divertido e ademais tiñas un micro para comunicar a rebeldía, entendéndoa como algo moi amplo: desde rirte do veciño a protestar pola reconversión naval.

Que público busca 'Semente de berrar'?

Queremos facer un documental moi aberto, para que calquera persoa que non formou parte dese momento o entenda, e vexa que houbo unha serie de realidades que non foron contadas nos medios senón a través de cancións. Está destinado a todas aquelas persoas ás que lles interese a realidade social do país, narrada a través dunha variante artística. 

Comentarios