“I ante aquel silencio mudo” leva Rosalía ao CGAI

“I ante aquel silencio mudo”, o documental producido pola AS-PG sobre Rosalía e Cantares Gallegos proxéctase este sábado 31 de xaneiro ás 18 horas na sede do CGAI da Coruña. 

 

Rosalía por Maside
photo_camera Rosalía por Maside

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) proxecta este sábado 31 de xaneiro ás 18:00 horas o documental “I ante aquel silencio mudo. Rosalía e Cantares Gallegos”, producida pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega. A sesión contará coa intervención dunha das autoras,  Marina Chiavegatto, o presidente da AS-PG, Xoán Costa ademais da actuación musical de Javier Cedrón que tocará dúas melodías do disco “Rosalía de Castro. Os ollos que falan”, banda sonora do documental. 

A curtametraxe “I ante aquel silencio mudo” estreouse o 12 de novembro en Ferrol e é o máis recente dos traballos promovidos pola AS-PG arredor da escritora. Maria Chiavegatto e Millán Castro crearon o guión e a realización do documental que produce a AS-PG. “O entusiasmo con que defenderon a idea, e a claridade con que vían o proxecto, fixo que  inmediatamente comezasen os traballos de elaboración do guión”, sinala o presidente, Xoán Costa que sitúa na base do proxecto ás páxinas patrocinadas por Medulio e publicadas ao longo de 2013 no semanario Sermos Galiza arredor do aniversario da obra da escritora. 

A outra Rosalía oculta

“Segundo nos manifestaron, fronte ao coñecemento que tiñan de Rosalía, adquirido no ensino regrado, descubriron agora unha Rosalía comprometida, rebelde e, como se mostra no vídeo, conscientemente galega coa que eles se identificaban moito máis que coa aborrecida e triste visión académica que dela tiñan”, explica Xoán Costa, dunha iniciativa na que quixeron “trasladar esta visión aos seus compañeiros e compañeiras de xeración, mozas e mozos galegos menores de trinta anos que naceron ao amparo da Lei de Normalización Lingüística e comprobaron como o sistema educativo os afastaba cada vez máis do coñecemento do propio para desde el acadar o coñecemento do universal”.

Curtametraxes en quinta edición

A iniciativa da AS-PG súmase a outros proxectos desenvolvidos arredor de Rosalía de Castro como a publicación de libros como Análise Sociolóxica da obra de Rosalía de Castro (1988), tese de doutoramento de Francisco Rodríguez ou o posterior do autor Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (A persoa e a obra de onte a hoxe).  O proxecto Daquelas que cantan (http://bitaculas.as-pg.com/literaria/) ou a presenza da autora no Trivial.gz son outras das iniciativas que se suman ao certame de curtametraxes da que sairá en breve a convocatoria coas bases da quinta edición. 

Comentarios