O I Premio Mondoñedo 10 elixe 'Os libros arden mal' como mellor novela da década

Manuel Rivas (A Coruña, 1957) gañou o I Premio Mondoñedo10, un galardón que distingue Os libros arden mal como a mellor novela da década en lingua galega. O Premio Mondoñedo10 recoñecerá cada ano o mellor traballo nunha modalidade creativa, até completar un ciclo de dez que xa comezou coa narrativa.

Gañador, membros do xurado e colaboradores
photo_camera Gañador, membros do xurado e colaboradores

O galardón foi creado pola asociación As San Lucas en colaboración co Colectivo Mondoñedo É e o Concello de Mondoñedo. Sinala Antonio Reigosa, presidente do certame, que os motivos que impulsaron a creación deste premio foron a necesidade de “recuperar esa actividade cultural, así como establecer un referente de As San Lucas dentro da cultura galega”, pois Mondoñedo mantivo historicamente un vínculo estreito coa creación cultural de modo xeral (pintura, artesanía, literatura etcétera). Deste modo, “a creación cultural é a identidade deste premio”, afirma Antonio Reigosa, “o que importa é a obra”. E esa é a filosofía de partida, vincular o nome de Mondoñedo, a súa historia e a súa identidade cultural a obras singulares da Galiza creadas na última década.

O Premio Mondoñedo10 marca unha diferenza en oposición a aqueles máis convencionais onde se galardoa unha obra actual, xa que este lanza unha vista de ollos á última década e trae á actualidade obras que resultaron relevantes coa vontade de premiar “a aquelas obras que, nun período de dez anos, quedan aí a considerar do que é a produción galega en distintas modalidades”, comenta Antonio Reigosa. E por iso falamos de Mondoñedo10 porque “o número dez é simbólico, como un número que representa a excelencia”. 

Manuel Rivas, agradecendo o Premio Mondoñedo 10Nesta primeira edición, o xurado escolleu a mellor novela editada na Galiza e en galego entre os anos 2006 e 2015. A obra gañadora foi Os libros arden mal, de Manuel Rivas, unha novela que aborda o tema da memoria de 1936 a través dunha perspectiva plural e dinámica que se caracteriza polos diversos rexistros que o autor emprega (incluíndo lírica, épica, ensaio, etc). O galardón fai desta novela “un texto chamado a ser de referencia na historia da literatura galega”, detalla. Nas próximas edicións do Premio Mondoñedo10 centrarase nas obras en poesía, teatro, ensaio ou historia, música, plástica, artes visuais, tradución e xornalismo cultural, así como a mellor persoa, proxecto, colectivo ou institución do eido cultural galego.

O premio desta primeira edición é unha escultura que o artista mindoniense Caxigueiro creou para a ocasión. “Tamén será premio no futuro unha obra única, xa que cada ano encargarase a un artista que faga unha obra única e específica para entregar ao gañador ou gañadora da modalidade correspondente”.

Non podemos deixar de lembrar as demais obras finalistas do I Premio Mondoñedo10 de Narrativa: Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño; Cabalo de ouros, de Víctor Freixanes; Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz; O club da calceta, de María Reimóndez; e Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello. En todo caso, é “unha chamada de atención desas obras que merecen ser recordadas no panorama da narrativa deste período”.

O xurado estivo presidido, nesta primeira edición por Antonio Reigosa Carreiras, Cronista oficial de Mondoñedo; como vogais contaron con Xosé Henrique Monteagudo Romero, en representación da Real Academia Galega; Dolores Vilavedra Fernández, en representación do Consello da Cultura Galega; Cesáreo Sánchez Iglesias, en representación da Asociación de Escritores e Escritoras en Linuga Galega(AELG); Luís González Tosar, en representación do Pen Clube Galicia; María Xesús Gómez, en representación da Asociación Galega de Editoras (AGE); Pilar Rodríguez Álvarez, en representación da Federación de Librarías de Galicia; Armando Requeixo Cuba, en representación do concello de Mondoñedo; e como secretario, Fran Bouso, designado pola organización. Desde a organización destacan a importancia da “representatividade deste xurado, xa que todas as persoas foron designadas por institucións de renome para a cultura galega”.

Comentarios