[VÍDEO] Hydn e Sheila Patricia, dúas novas oportunidades da música galega para lograr o billete a Eurovisión

Ambas as artistas galegas loitan por seguir os pasos das Tanxugueiras e triunfar no Festival de Benidorm.
Á esquerda, a coruñesa Hydn; á dereita, a redondelá Sheila Patricia. (Fotos: Nós Diario)
photo_camera Á esquerda, a coruñesa Hydn; á dereita, a redondelá Sheila Patricia. (Fotos: Nós Diario)

Após ficaren as Tanxugueiras ás portas de gañar o Festival de Benidorm e lograr o billete a Eurovisión o pasado xaneiro, a música galega terá unha nova oportunidade —dúas, máis ben— no certame que decorrerá en 2023.

A coruñesa Hydn entrou no 'top 12' da segunda sondaxe popular do festival coa canción Drowning Fire, na que mestura galego e inglés no que ela mesma denomina como 'galenglish'. O seu obxectivo, alén de expresarse nos idiomas que sente máis de perto, é "chegar a xente que non sabe nin da existencia do galego".

"Non sei nin como cheguei a estar entre as 100 persoas seleccionadas, nin moito menos como rematei no 'top 12' desta rolda. Sinceramente, estábame a buscar na lista de persoas eliminadas. Comecei a subir, non me atopaba e pregunteime se se esquecerían de min", dixo, após coñecer os resultados.

Nesa listaxe que abrangue un cento de artistas tamén se sitúan artistas como C. Tangana, Nathy Peluso, Rosalía, Lola Índigo... e outra galega, a redondelá Sheila Patricia, que participa desta votación popular co tema A Moura.

"En tempos nos que a música de raizame galega atopou o seu público a través do filtro electrónico, Sheila Patricia chega para reclamar o posto de pioneira que lle pertence", sinalaron desde a súa axencia.

Así, a autora promete "dar guerra" na loita por unha praza en Eurovisión co obxectivo final de "dotar de renovadas falanxes e tendóns rítmicos o seu fondo canto astral de tradición galaica".

A terceira rolda de votacións ficou aberta na tarde desta cuarta feira e fechará ao remate desta quinta. Nas próximas semanas saberase se, finalmente, a Galiza conta con dúas representantes no Festival de Benidorm.

Comentarios