Martín Romero dirixiu a mellor peza galega

O humor negro do romanés Muresanu gaña o festival de curtas de Bueu

Cadoul de Craciun, un filme que trata en chave de humor negro a represión na Rumanía de Ceauscescu, gañou a décimo segunda edición do Festival Internacional de Curtas de Bueu. Dirixido por Bogdan Muresanu, fíxose coa Ánfora de Ouro -dotada con 2.000 euros- e mais cos premios a mellor guión e mellor actor para o protagonista Adrian Vancica.
premiados
photo_camera Premiados e premiadas na 12ª edición do FIC Bueu. Foto: Prolight/FICBueu.

O segundo galardón, a Ánfora de Prata (1.000 euros), foi para Lake of hapiness, coprodución xermano bielorrusa dirixida por Aliaksei Payulan centrada na vida dunha nena orfa nun centro de acollida. A mesma peza levou ademais as distinción á mellor dirección artística e á mellor actriz por Anastasasiya Plyats.

De entre as obras galegas, a considerada mellor polo xurado e, polo tanto, Premio R foi La noche, de Martín Romero. O Premio do Público levouno Mémorable, fita de animación. A mellor curta estatal foi a vasca 592 metroz goiti. E a mellor experimental, Blue, do célebre cineasta tailandés Apichatpong Weerasethakul. O premio Crea á mellor dirección recaeu no canadiano Jeremy Comte por Fauve.  

Outros premios
Un documental suízo, All inclusive, gañou na mellor fotografía e na mellor montaxe. A mellor música levouna unha curta co mesmo título, pero finlandesa. O mellor vestiario e a mellor maquillaxe, a australiana Nursery Rhymes. E o mellor son, a portuguesa Agouro.

A gala de entrega, celebrada este sábado 14 de setembro en Bueu, conectou, segundo explica a organización, “coa realidade social” e amosou o seu apoio á veciñanza da illa de Ons que loita contra as consecuencias dunha hipotética declaración do lugar Patrimonio da Humanidade da Unesco.

Pola 12ª edición do FIC Bueu pasaron “milleiros de persoas” ao longo de nove xornadas de actividades.

Comentarios