“Transgride os contos populares”

O humor irreverente de Xerardo Quintiá gaña o premio Fina Casalderrey de Literatura pola Igualdade

O País do Gran Furado protagonízao Toribia e a súa banda punk. “É unha obra que resalta polo seu humor irreverente, polas súa transgresión dos contos populares e por reivindicar a poesía, a alegría e a revolución”. As palabras son do xurado do II Premio Fina Casalderrey, que decidiu distinguir o mencionado conto de Xerardo Quintiá (Friol, 1970).
 

XerardoQuintia-por-AdrianFerreiro (AELG)
photo_camera O escritor Xerardo Quintia. Foto: AELG (Adrián Ferreiro).

Texto “paródico, distópico e humorístico”, emprega a “poesía narrativa” para se dirixir a un lectorado de entre 3 e 8 anos e que este “interiorice máis facilmente a mensaxe da súa historia”. A resolución de conflitos desde unha perspectiva pacifista e a través da palabra é, finalmente, a tese dun traballo que publicara Baía Edicións, convocante do galardón.

O xurado formárono a profesora e crítica Montse Pena, a libreira Patricia Porto, a socióloga Ana Luísa Bouza e a bibliotecaria e vicepresidenta de Gálix Pilar Sampedro. A directora de Baía  Edicións, Belén López, exerceu de secretaria do mesmo.

Ademais da publicación de O País do Gran Furado, o Premio Fina Casalderrey de Literatura pola Igualdade está dotado con 5.000 euros. O certame procura libros “que poidan axudar á construción dun imaxinario en igualdade entre homes e mulleres xa desde a infancia, necesario para un mundo máis xusto”. Na súa primeira edición gañaron A reconquista, de Antía Yáñez, e Vermella!, de Sabela Losada.

Comentarios