Hugo GZ: "A min esta pandemia, máis que bloquearme, axudoume a escribir e compor"

Hugo GZ, compoñente do grupo de rap SonDaRúa xunto a That Bass Dj e Alex Arnoso, vén de publicar seis pezas en solitario. Entre o persoal e o íntimo, achegan elementos que este músico galego elaborou durante os días de confinamento, en 2020. O traballo leva por nome 1991, igual que un dos temas, reivindicando o ano en que naceu. Esta experiencia non implica deixar de lado os seus compañeiros, cos que xa ten datas confirmadas para directos no calendario deste 2022.
Hugo GZ elaborou durante o ano 2020 as seis pezas que agora presenta (Foto: Juancho Everman).
photo_camera Hugo GZ elaborou durante o ano 2020 as seis pezas que agora presenta (Foto: Juancho Everman).

Crear en pandemia, unha experiencia singular, non?

Foron momentos complicados para todos. Eu, nese sentido, saqueille proveito á hora de crear. Tes bastante tempo libre e por ese motivo tamén a temática foi máis introspectiva que noutros traballos que realicei con SonDaRúa. A min esta pandemia máis que bloquearme, axudoume a escribir e compor. Liberei as frustracións e as problemáticas que tivemos na pandemia. Foi un traballo en solitario que tiña pendente, con calidade, e decidín sacalo adiante.  

 Foi un traballo en solitario que tiña pendente

Como son eses temas?

Son moi variados, sexa a nivel instrumental como en temáticas. Case todos teñen en común, salvo un que se chama Pautas, que son introspectivos, sentimentais. O primeiro, Un dous tres, é unha produción de Petrowski con toques típicos do rap que en principio tiña que entrar no anterior disco de SonDaRúa mais ao final quedou fóra. O segundo, 1991, é unha descrición da miña vida desde a infancia até a adolescencia. O terceiro, Escuridade, ten un rito escuro ao falar de procesos depresivos, e está relacionado co cuarto, Claridade, que é máis alegre e trata de momentos máis positivos. O quinto, Pautas, é o máis rapeiro, mesmo no tema onde falo do "postureo" que existe moitas veces nas redes sociais e sobre como funciona certa industria na música urbana. Quixen deixar as cousas claras nese sentido, marcar a miña posición. O sexto e último, Non sei, tamén é introspectivo desde o punto de vista sentimental sobre momentos de dúbidas que temos todos moitas veces.

En dous temas incorpora videoclips. Que procura con esas imaxes?  

Claridade foi gravado en Holanda, nunha viaxe que realicei cuns colegas e estivo máis planificado. Estar fóra axuda a desconectar de preocupacións. O tema define estar ben, os momentos alegres e positivos, de festa. O videoclip de Non sei xa se fixo en Compostela doutra maneira.

O rap goza de boa saúde na Galiza?

Creo que si. Desde hai cinco ou seis anos que houbo unha explosión de grupos que se sumaron aos anteriores, como Dios ke te Crew ou Rebeliom do Inframundo. Goza de boa saúde e ademais hai cada vez máis cousas novas e potentes. Hai moito onde elixir.

Desde hai cinco ou seis anos que houbo unha explosión de grupos

A pandemia afecta á rede  que se teceu de salas e festivais para que as formacións musicais galegas teñan saída nos directos?

Si, é unha situación complicada. Fomos o primeiro sector en parar e o último e ter unha certa normalidade que, hoxe en día, aínda non conseguimos. 

A nivel de festivais, no momento en que continúen as subvencións seguirá o circuíto galego que, por outro lado, creo que está moi ben.

O problema virá en salas e locais pequenos que ao final estiveron durante moito tempo sen poder abrir. Veremos como queda esa xente agora que semella que se abre o sector. A miña impresión é que os que teñan máis posibilidade de ocupación, os máis grandes, non terán tanto problema para funcionar. Un caso diferente serán os máis pequenos que non sei como poderán manter os locais abertos. Máis coa situación actual.

En todo caso, hai que tentar ser positivos e botar unha man a esta xente e seguir coas xiras para que poidan seguir tendo actividade.

Hai actuacións previstas con SonDaRúa?

Estamos contentos, saen moitas cousiñas. Por exemplo estaremos en Fisterra o 25 de marzo e a mediados de abril desprazarémonos até Monterroso. Tamén temos algunhas datas de cara o verán mais xa iremos confirmando nas nosas redes sociais.

Comentarios