SonDaRúa

Hugo Gz: "Utilizamos o galego para normalizalo na sociedade, sobre todo, na mocidade"

Hugo GZ, That Bass Dj e Alex Arnoso compoñen o grupo de rap SonDaRúa, que vén de sacar un novo sinxelo titulado 'Hardcore puro'. Despois de lanzar o seu disco 'Eterno combate' en pleno confinamento, Hugo GZ fala con Nós Diario da actual situación do grupo e os plans que teñen para este verán.
De esquerda a dereita Hugo GZ, That Bass Dj e Alex Arnoso, SonDarúa. (Foto: Daniel Pérez - MalRaio) #sondarúa #ponteareas #rap #galego #música #lingua
photo_camera De esquerda a dereita Hugo GZ, That Bass Dj e Alex Arnoso, SonDaRúa. (Foto: Daniel Pérez - MalRaio)

-Hai un días publicaron un novo sinxelo chamado "Hardcore puro", como xorde a idea deste novo tema? 
Levabamos un tempo parados desde que lanzamos o disco o ano pasado e despois da colaboración co Pirata en "Duro" decidimos tirar por un rap máis clásico, para volver ás raíces do hip-hop. 

Como buscamos que cada tema sexa un pouco diferente, que as súas temáticas tamén sexan distintas, e como no disco non tiñamos nada así deste estilo máis dos anos 90, decidimos optar por facer este "Hardcore puro". 

-Fálenos do proceso de creación deste nova peza.
Como a maioría dos nosos temas, comezamos a buscar primeiro instrumentais máis clásicas. 

A temática baséase nesa xente que non ten personalidade e que fai música segundo as tendencias, de aí saíron as letras, primeiro compuxen eu a miña parte, despois o retrouso e Alex Arnoso fixo a súa e démoslle ese enfoque. 
 
-Unha vez máis seguen a realizar rap en galego. 

Cremos que é algo característico noso e cremos que é preciso promover a nosa lingua. Debemos protexer e normalizala sobre todo na mocidade, que é a maioría de xente que escoita a nosa música. 

Outros grupos galegos que agora están tendo bastante éxito son formados por xente moza e por iso hai que normalizar entre a sociedade que a lingua galega serve para facer arte e música; é unha lingua moderna que se vai actualizando e temos que protexela e darlle uso. 

-Este novo tema vai acompañado dunha peza audiovisual realizada por Daniel Pérez (MalRaio). Como foi a realización do videoclip?

Como o tema é máis tirando ao rap clásico, pensamos que debía ter unha estética máis urbana e relacionada cos clásicos do rap. Buscamos localizacións en diversos lugares e gravamos na fábrica abandonada de Massó, en Cangas, e buscamos zonas por Vigo, no barrio de Coia, que tivesen ese fondo de edificios e canchas. Para a parte final do vídeo, onde está That Bass DJ pinchando, escollemos unha localización das Neves que nos permitise poder ter todo enchufado e recrear o ambiente que querimos.  

-En abril do pasado ano, en pleno confinamento, publicaron o primeiro LP Eterno combate. Como afectou a pandemia a este lanzamento? Arrepíntense de sacar este traballo naquel momento?

Non nos arrepentimos porque eran temas que tiñamos aí e que viñamos traballando desde facía bastante tempo. Ademais tiñamos presentado algunhas das cancións con videoclip, entón había que lanzalo si ou si.

Obviamente afectounos a pandemia, como a todos os grupos, quizais un pouco máis por ter sacado disco. Pero decidimos tirar cada a adiante e as primeiras semanas, cando se comezou a cancelar todo, foi un pouco de bloqueo mental. Mais unha vez aceptada a situación seguimos tirando para adiante e presentando o disco na medida que se podía, polo que acabamos dando catro ou cinco concertos con todas as medidas de precaución.  O disco tivo unha boa acollida e agora toca seguir madurando os temas para os próximos directos. 

-Cales son as expectativas de SonDaRúa para este verán? 

Algo mellor que o pasado, pero a cousa segue sendo escasa. Malia iso, os poucos concertos que temos por agora programados -entre outros, no festival SonRías Baixas e no Rock in Río Tea, que xa tiñamos ganas de volver tocar na casa- permitiranos preparar con tempo o directo e poder así ofrecer un grande espectáculo ao público que se achegue a vernos.

-Temen que os protocolos sanitarios, que obrigan a xente a estar sentada na maioría dos eventos, lles afecten? 

Algo sempre afecta. Existen formatos como a música tradicional ou o jazz que son máis dados a este tipo de público sentado, pero nos concertos que demos e que a xente estivo sentada, malia que ao comezo era un pouco raro, acábanse por animar e pasalo ben, aínda que non é como antes. Esperemos que en breves este tipo de medidas se poidan ampliar e volvamos pronto ao de antes.

Comentarios