Hugo Guezeta vén de estrear 'Claridade', primeiro tema do seu próximo EP

Hugo Guezeta: "Non existe unha rede musical en galego que sente unha base para o crecemento dos grupos"

No 2016, nacía en Ponteareas Sondarúa, un grupo de música combativa integrado por Alex Arnoso e Hugo Guezeta, ao que se uniu Iván Prieto no 2018. Na pasada sexta feira, Hugo adiantaba o primeiro single do que será o seu próximo EP en solitario, titulado Claridade.
Hugo forma parte do grupo Sondarúa xunto Alex Arnoso e Iván Prieto. (Foto: Óscar Corral)
photo_camera Hugo forma parte do grupo Sondarúa xunto Alex Arnoso e Iván Prieto. (Foto: Óscar Corral)

Como xurdiu este primeiro tema?

Claridade ten un significado de superación mental e persoal. De feito, vai saír outra canción que é unha antítese deste, que se chama Escuridade. Ao final, todos temos fases máis de baixóns e de estar peor ou mellor mentalmente, entón intentei reflectir nestes dous temas as dúas antíteses. Este foi o de Claridade, por iso de que sempre vén despois da escuridade. Gravamos o vídeo clip en Holanda, nunha viaxe que fixen alí cuns amigos para que reflectise un pouco iso de cando estamos de vacacións, desfrutando e  ben mentalmente. Ten ese enfoque de positivismo realista, sabendo que temos que pasar por momentos máis doces ou máis amargos.

Que imos atopar no seu próximo EP?

Trátase do meu primeiro traballo en solitario, que sairá a finais de xaneiro ou comezos de febreiro. Van ser seis temas e este é o primeiro adianto dos dous que vou lanzar, logo xa chegará o EP completo. É un disco bastante persoal e diferente. Quizais non tan político ou combativo como os temas de Sondarúa, senón que é máis íntimo, aínda que hai un pouco de todo. Ten pouco contido combativo e político, digamos que non é tan “mitin” como poden ser os do grupo. Sempre vai haber algunha frase ou algunha referencia, porque a ideoloxía propia, os principios e os valores sempre están aí, mais non é tan explícito ao mellor ou tan insistente como en Sondarúa.

Por que decidiu levar adiante este proxecto en solitario?

Basicamente porque tiña un montón de material que creei na corentena. Escribir axudoume bastante a pasar os día e estar ben mentalmente e ese proceso vese reflectido no que é o disco. Tiña moitas letras acumuladas e decidín coller estas seis, que son as que máis me convencían ou ás que lle podía dar o formato e a idea que eu quería do disco. Decidín sacalas adiante porque me parece que están bastante ben e, máis que para que lle gusten á xente -que tamén-, porque era o que precisaba persoalmente sacar fóra. Tampouco é un proxecto que vaia ter unha continuidade fixa. Nun futuro podo sacar máis temas eu só, pero iso non quere dicir que deixemos de facer cousas co grupo. Simplemente agora tiña este material aí, que decidín que tiña o nivel e que precisaba sacar, por iso foi adiante.

Sairán traballos novos tamén con Sondarúa?

A verdade é que estivemos un pouco parados os dous por cuestións laborais e estudantís e, ao final, ao dar menos concertos e ter menos actividade, como que te paras un pouco. 

Agora cando lance o disco poñerémonos a compoñer e a crear cousas novas. Estivo todo bastante calmado e agora semella que volve a complicarse a situación, entón aproveitaremos para volver a crear como grupo e ir sacando material.

Cal cre que é a situación actual da escena musical galega?

Véxoo ben, xa que te podes atopar música de todos os estilos. Dende trap, rap, música tradicional, pop, rock... hai moita xente nova que está facendo música e que o está facendo moi ben e xente que xa estaba que tamén. O complexo é non frearse co tema da pandemia, ademais do tema político. A falta de apoio institucional aos grupos de aquí é un hándicap que temos e imos ter mentres goberne neste país alguén que despreza a súa cultura e a súa lingua. Estanse a facer cousas de calidade, entón a saúde do panorama a nivel creativo e compositivo está ben, o que falta é o de sempre, apoio institucional e mediático. Logo, tamén considero que non existe un tecido de música en galego o suficientemente potente como para que a cousa funcione. Os pequenos grupos van tentando tirar, pero non existe unha rede que sente unha base para os grupos e o seu crecemento e lle dea continuidade, como pode haber en Cataluña e noutras zonas do estado.

Comentarios