BRAULIO VILARIÑO, FESTIVAL AGROCUIR

"Hoxe -no mundo occidental e capitalista- gay significa home branco rico homosexual e nós queremos fuxir diso"

A vindeira semana regresa, con novo nome, un dos eventos máis especiais do verán galego, o Festival Agrocuir da Ulloa, que este ano xunta os días 25 e 26 de agosto o melloriño da música galega, desde Mercedes Peón a Radio Cos pasando por Silvia Penide, Tanxugueiras ou o asturiano Rodrigo Cuevas. E falamos cunha das 'alma mater' deste festival, Braulio Vilariño, un activista ou, como lle gusta autodefinirse, un "enlazador de mundos". 

braulio
photo_camera Braulio Vilariño, un dos organizadores do Festival Agrocuir da Ulloa

- Sodes a revelación dos festivais galegos nos últimos anos. En catro anos xa vos consolidastes no imaxinario do verán galego. Pero cal é o voso modelo de festival, como queredes medrar?

- Nós queremos que o festival medre progresivamente en intensidade, non tanto en número de xente que acuda senón que queremos que teña efecto repercutivo, en canto a transformación no medio no que vivimos e na relación medioambiental. Nace como unha forma reivindicativa para que medre a visibilidade para os diferentes colectivos 'queer', que sexa máis grande e que conleve unha idea máis respectuosa e menos capitalista do que está sendo moitas veces o movemento LGTB. Queremos medrar en calidade e na repercusión que poida ter a nivel transformativo. Non queremos ser un macrofestival e que isto se convirta en Woodstock 2. 

"Non queremos ser un macrofestival e que isto se convirta en Woodstock 2" 

- Vós convidades a compartir, a que a xente traia a súa propia comida, a compartir casa... Efectivamente, non é moi capitalista.

- Claro, nós queremos que haxa un convivio con esta maneira de vivir no rural, e que sexa accesible economicamente para todo o mundo e para os grupos familiares. Que alguén que teña pequenos que non lle sexa gravoso vir. Nós intentaremos ampliar os espazos de acampada para que poidan vir toda a fin de semana e que poidan disfrutar no campo e que vexan -sobre todo o público máis urbano- o que é a vida no campo. Queremos programar unha serie de casas de recepción. Agora xa o facemos, pero cos músicos, que quedan nas nosas casas, pero queremos poñelo en marcha tamén co resto da xente para que poidan convivir con nós e estar un día nunha casa dunha aldea, disfrutar do festival e  darse conta do que é o traballo de cada día neste entorno. 

- Grazas a vós a Ulloa é referenza galega e estatal na visibilización dun rural diverso afectiva e sexualmente, non?

- Si, estase cumprindo a nivel mediático, na Ulloa está habendo unha dinamización grande a nivel cultural, medioambiental pero sobre todo neste aspecto, convertiuse un pouco nun lugar modelo e, claro, as propias institucións da comarca e dos concellos están en maior disposición a favorecer todo o que é relativo a estes encontros e ao Festival e a poñer da súa parte. 

"Hai unha repercusión nestes anos de xente moi nova que estaba aí e que saíu do armario coa familia, porque a xente venos, coñécenos e danse de conta de que o seu fillo ou filla non entra a formar parte dun grupo de monstros"

- Como é o día a día no resto do ano para o colectivo LGTB na Ulloa?

- No resto do ano a xente que estaba como máis marxinada, que estaba aí pero a quen non se lle facía moito caso, de súpeto é como se nos convertiramos en suxeitos cos que resulta interesante estar con nós ou contar con nós para as cousas. Estás nun bar e daste conta de que che pagaron unha ronda e que todo o mundo está encantado. E logo hai unha repercusión nestes anos de xente moi nova que estaba aí e que saíu do armario coa familia, porque a xente venos, coñécenos e danse de conta de que o seu fillo ou filla non entra a formar parte dun grupo de monstros, senón que pasan a ser parte dun grupo interesante, tal e como nos consideran a nós. Isto dito entre aspas, claro, que hai de todo. Pero iso mudou, xa non é aquilo de "mira, aí vai un mariquita", xa ves o contrario, "oes, queremos ir ao festival, oes, podemos axudar no festival?". Esa é a historia. 

- Así que vos sentides arroupados na comarca?

- Si, cada vez máis. Ademais vendo os resultados máis aínda, ver como a xente nova se abre é moi satisfactorio. 

"Realmente quen máis loitou foi o colectivo trans de procedencia portorriqueña ou afroamericana. E iso é algo que hai que poñer no seu sitio da historia"

- Este ano cambiásteslle o nome, por que?

- Precisamente por iso. Non podemos, se pretendemos ser diversos non podemos limitarnos a unha etiqueta que recolle un modelo de afectividade e sexualidade masculina exclusivamente, concretamente hoxe no mundo occidental e capitalista gay significa home branco rico homosexual. Entón nós queremos fuxir diso e abrirnos á teoría 'queer' que xa está aquí desde hai tempo, hai verdeiras cabezas pensantes e activistas que levan moito tempo traballando desde os anos 80 duramente. Por iso este ano llo dedicamos ao colectivo trans, como se cumpriu o aniversario de Stonewall, e das revoltas en Nova York e todo iso, sempre poñen de protagonista o colectivo gay, neste caso branco. Pero realmente quen máis loitou foi o colectivo trans de procedencia portorriqueña ou afroamericana. E iso é algo que hai que poñer no seu sitio da historia. 

"Non se pode poñer todos os ovos na mesma cesta e facer un monocultivo de eucalipto ou facer turismo de baixa calidade"

- Non só reivindicades a diversidade sexual, senón que sodes un festival que traballades moito outro tipo de valores, como o ecoloxismo ou o patrimonio. Esta edición dedicádeslla ao bosque autóctono, ademais de ao colectivo trans. 

- Si, este ano dedicámolo ao colectivo trans e darémoslle un premio á asociación Arelas polo seu labor tan importante que está a desenvolver en Galiza. Porque é moi importante que desde a infancia e desde a escola se estea traballando xa. E logo, a nivel medioambiental, é fundamental traballar a prol do bosque autóctono. Nós na Ulloa en oito anos vimos triplicada a masa de eucalipto. E cando veñen os de fóra aínda din, "ai, canto bosque autóctono", e é certo, pero nós vemos como merma. Nós queremos loitar contra ese modelo único que nos lanzan desde a administración. É o único modelo de desenvolvemento do rural, cando hai moitísimas máis posibilidades. É o mesmo que pasa co turismo, que aínda que pareza que non, van xuntas, van da man, non se pode poñer todos os ovos na mesma cesta e facer un monocultivo de eucalipto ou facer turismo de baixa calidade. No rural, a parte de facer explotacións racionais hai que fomentar un turismo de calidade, por que en vez de estar ateigados nunha praia ou nun resort non podes estar nunha aldeíña cos nenos paseando polas carballeiras, cun río para bañarte, disfrutando da natureza doutra maneira? Iso é o que temos que promover, porque se non, pouco teremos que ofertar. 

- Que destacarías desta cuarta edición?

- Está aínda por vir, non sei que pasará [risos], porque o esquema é o mesmo doutros anos, pero este ano estreamos un ciclo de cine con proxeccións durante todo o mes nos tres concellos da Ulloa. E pretendemos seguir medrando na colaboración con outros axentes culturais. Para o vindeiro ano queremos incluír a literatura de xénero, estamos preparando algo con Chan da Pólvora. E tamén queremos para o futuro que se vaia prolongando máis no tempo. Aínda que sexan dous días efectivos, e que ao longo de todo o mes de agosto teñamos diversas actividades en diversos lugares. 

Comentarios