CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Os homes libres de Jones

A construción épica dunha República independente de homes libres durante a Guerra de Secesión norteamericana. Esa é a historia que conta Free State of Jones e esta é a crítica que lle fai o noso cinéfilo de cabeceira.

homeslibres1
photo_camera Un fotograma do filme

OS HOMES LIBRES DE JONES

Free State of Jones

(EUA 2016, 139 min.)

Dirección e guión: Gary Ross

Fotografía: Benoit Delhomme

Música: Nicolas Britell

Elenco: Matthew McConaughey, Gugu Mbatha-Raw, Mahershala Ali, Keri Russell, Thomas Francis Murphy, Brad Carter, Sean Bridgers, Christipher Berry, Jacob Lofland, Kensley Keys

SINOPSE

Farto de loitar polos intereses dos ricos, o soldado Newton Knight deserta do exército confederado en plena Guerra de Secesión norteamericana para liderar un grupo de granxeiros e escravos até conseguir crear un Estado independente.

CRÍTICA

Antes de nada aclarar que ‘Jones’ non é Matthew McConaughey, como se podería supoñer polo título e o cartaz... tampouco é un spin-off de ‘Bridget Jones’, coa que coincide en cartel... Os homes libres de Jones está referido a ese homes (e mulleres) que loitaron pola liberdade, en plena Guerra Civil norteamericana, nun condado do Mississippi de nome ‘Jones’. Narra a historia de Newton Knight, un soldado confederado de orixe humilde que deserta da fronte farto de que os seus seres queridos morran mentres os ricos se apropien das terras e dos recursos naturais dos pobres mentres permanecen nas súas mansións exentos de loitar froito dunha absurda lei que llo permite simplemente por posuír escravos. Agóchase nuns inaccesíbeis pantanos onde coincide cuns escravos fuxitivos, o xerme dun grupo de foraxidos que plantará cara ás inxustas e racistas leis do condado roubando aos ricos para darllo aos pobres. Pronto Knight vai gañando adeptos e lidera unha revolta que acaba por crear un estado libre e independente da opresión racial imperante no resto de estados... Unha incríbel e inspiradora historia real que abrangue desde 1862 até 1876. Alternado puntuais flash-forwards que sitúan mellor o contexto, o filme percorre un dos períodos máis convulsos da historia dos Estados Unidos na que tamén se asentaron os cimentos dos dereitos civís dos negros, dereitos que, como todos sabemos, non se farían realidade até máis dun século despois. Non escatima en realistas escenas bélicas, aventuras no pantano, drama, romance, racismo, política e moita carga reivindicativa na que semella sentirse moi cómodo Gary Ross (Seabiscuit, Os xogos da fame). O grandilocuente tratamento que se lle da á figura de Newton Knight elévao a categoría de heroe nacional. Unha sorte de Robin Hood, Rob Roy e Braveheart xuntos coa faciana dun esforzado Matthew McConaughey (Dallas Buyers Club, Interstellar) que aguanta ben o tipo. Como compañeiros de reparto destaca Thomas Francis Murphy (12 anos de escravitude) nun rol que rememora ao ‘sheriff de Nottingham’, tamén o versátil Mahershala Ali (Cruce de camiños) como un dos escravos que se alían con Knight e a británica Gugu Mbatha-Raw (A verdade doe) pola que soprará os ventos o protagonista. Algunha nomeación aos Óscar pode caer por aí... E é que Os homes libres de Jones parece prefabricada, case en exclusiva, para optar a algún premio da Academia de Hollywood. A priori teno todo para reunir un bo ramallete de candidaturas: historia épica dun heroe (moi) norteamericano, hai carga social, trata de fronte o racismo, hai movementos de centos de extras á vella usanza, boas actuacións e ademais conta cun empaque de luxo... porén, o conxunto non acaba de convencer de todo. Nótase de lonxe que todo está demasiado preparado para impresionar ...e por riba sóbranlle minutos. Non dubido que algunha campá pode soar mais aposto a que non tantas como de seguro agardaban na preprodución. Ideal para amantes de filmes épicos baseados en historias reais.

Comentarios