Homenaxes no aniversario do seu pasamento reclaman o Día das Letras para Carvalho Calero

Diante da que foi súa casa natal, case derrubada, na rúa San Francisco, unha homenaxe reivindicará hoxe, terza feira, cando se fan 24 anos do seu pasamento, o Día das Letras Galegas para Ricardo Carvalho Calero. O próximo domingo 30 ás 17 horas, será a Fundaçom Artábria quen lembre a dimensión do escritor. 

Carvalho Calero
photo_camera Carvalho Calero

Ás 20 horas, diante da que foi súa casa natal na rúa San Francisco desenvolverase esta terza feira, día 25, a primeira das homenaxes a Ricardo Carvalho Calero convocadas arredor do 24 aniversario do seu pasamento. A propia comisión que está a sumar apoios para que a Academia Galega finalmente dedique o Día das Letras Galegas do próximo ano a súa figura é a que convoca este acto que contará coa actuación do coro Toxos e Froles e no que se lerá un manifesto da apoio á reivindicación que está a recoller apoios tanto individuais como colectivos e conta xa coa adhesión de máis de trinta entidades sociais e culturais. Para sumarse á iniciativa habilitaron o correo carvalhocalero2015@gmail.com. A comisión cidadá, integrada, entre outros, por Bernardo Máiz e Xosé María Dobarro, que anunciaron esta segunda feira as súas novas iniciativas, solicitará no mes de abril unha xuntanza co presidente da RAG, Xesús Alonso Montero para facerlle chegar o resultado do apoio popular e colectivo á candidatura de Carvalho Calero para o Día das Letras Galegas. 

No documento co que se reclama a conmemoración anual da Academia para o que foi primeiro profesor de galego na Universidade, fálase dun “interesado esquecemento” que mantén, a día de hoxe, 24 anos despois do seu pasamento, “unha das ausencias máis clamorosas no eido das conmemoracións e homenaxes ás grandes figuras da cultura do país”. 

“Van tres ocasións nas que non prosperou a proposta de que a RAG dedicara as Letras Galegas a D. Ricardo Carvalho Calero, esgrevio galeguista que ao longo de seis décadas e un pouco desenvolveu un inmenso labor poético, narrativo, ensaístico, académico, lingüístico, xornalístico, docente, ..., a prol de Galiza e da lingua e cultura galegas”, lembran no comunicado no que reclaman que “é tempo de que os grandes méritos do profesor Carvalho Calero sexan recoñecidos por unha Academia na que ingresara o 17 de maio do 1958”.

Cada ano, a Fundaçom Artábria 

Como cada ano, a Fundaçom Artábria lembrará tamén ao profesor Carvalho Calero no aniversario do seu pasamento, desta volva, cun acto que terá lugar o domingo 30 de marzo ás 17 horas no barrio de Ferrol Vello, ao pé da súa casa natal na rúa de San Francisco 51. 

A poesía virá da man de Antia Cortiças, Teresa Moure, Miguel Vento de Trasancos e Elia Rico e a música chegará de Loureda, con  Alberto Pombo e Diego Bernal, que porán música ao poema "Todo termina mal". En representación de Artábria, Vítor Santalha pechará o acto de conmemoración da figura de Carvalho Calero. 

Tanto unha como a outra homenaxe, alén de reclamar o Día das Letras Galegas para Carvalho Calero, denunciarán tamén o estado ruinoso da súa casa natal e reclamarán medidas urxentes que poñan freo ao deterioro do barrio de Ferrol Vello. 
 

Comentarios