29 de maio na Coruña

Homenaxe a Xabier Docampo, o escritor amigo

“Grande homenaxe a que estamos argallando, cuxo día principal será o 29 de maio no Teatro Rosalía de Castro”. Así comunican a Asociación Cultural Alexandre Bóveda e mais a Asociación de Escritoras en Lingua Galega a xornada, con varias previas, que están a preparar en honra do do escritor Xabier Puente Docampo (Rábade, 1946 – A Coruña, 2018).
 

foto_XabierPDoCampo-por-EduardoCastroBal-2014-05
photo_camera O escritor Xabier P. Docampo. Foto: Eduardo Castro Bal.

Pero antes do día grande haberá tres conferencias de amigas e amigos do autor de Cando petan na porta pola noite (Xerias, 1994). Esta cuarta feira, 27 de marzo ás oito do serán na sede da Alexandre Bóveda, falará Xosé Cobas, amigo persoal e ilustrador de boa parte da obra de Docampo. Unha semana despois, 3 de abril, será Chus Fernández a que interveña.

cartaz

“Fernández é unha gran coñecedora da obra de Xabier”, explica a presidenta da asociación cultural María Xosé Bravo. Mestra, “unha das primeira lectoras” dos libros do autor, uniuno a el “unha longa amizade e o amor común polas palabras soñadas e contadas á xeración máis moza”. A cuarta feira, 10 de abril, será a quenda de Martin Pawley, crítico cinematográfico, que disertará sobre a cinefilia do escritor.

Estas tres conferencias serán a solaina da Homenaxe: na voz da amizade, o acto do 29 de maio no Teatro Rosalía da Coruña a partir das 20.30 horas. Presentarao a poeta Yolanda Castaño e polo escenario pasarán o seu editor de anos Manuel Bragado, o xornalista Xosé Manuel Pereiro, as mestras Chus Fernández ou Alfonso García Sanmartín, e as escritoras Suso de Toro, María Canosa, Xavier Senín, Paco Martín, Fina Casalderrey ou Paula Carballeira.

“Namorado do cinema, guionista e director de programas de radio, contador oral, activista da renovación pedagóxica e da causa da dignidade da lingua galega”, definen a Docampo os organizadores, “preparamos o ciclo de encontros e a homenaxe para falar del, do seu xeito de traballar, sempre cóbado con cóbado con outros creadores”.

Comentarios