Homenaxe no sexto cabodano de Díaz Pardo

A autodenominada Academia Real Isaac Díaz Pardo, en realidade un monllo de amigas e amigos do ilustre intelectual galeguista, celebra este domingo o sexto cabodano do seu pasamento. E farao cun pequeño programa de actos no cemiterio compostelán de Boisaca a partir das doce e media da maña.
 

10_diaz-pardo_0286 en 2011
photo_camera Isaac Díaz Pardo e un autorretrato en 2011. Foto: cedida.

Unha “procesión cívica” escoltada polas gaitas dos Catro de Vigo abrirá a xornada, que seguirá coa lectura, da man de Isabel López Fonseca, do poema de Lorenzo Varela Compañeiros da miña xeración mortos ou asasinados. “Morréchedes, matáronvos, deixáronme. / Quedei eiquí, lonxe das vosas sombras (…) ¡Tan doce era xuntanza miña e vosa, / de todos nós co mundo!”, escribiu o exiliado monterrosino nunha estremecedora elexía aos mortos pola liberdade de Galiza.

A seguir, e baixo a condución da filóloga Patricia Arias Chachero, o presidente da Real Academia Galega Víctor Freixanes, Clodomiro Montero Centrón e Afonso Vázquez Monxardín falarán ás presentes. María do Cebreiro e Claudio Rodríguez Fer achegarán despois a súa poesía.

Os actos finalizarán coa consabida ofrenda floral, de pombas e mazás -unha nova referencia ao poema de Varela: “Agardo, como un morto, / no centro do silencio, da sede, da agonía, / o día que vos poida levar á sepultura / unha cesta de pombas e de mazás”. A Marcha do Antigo Reino de Galicia e un pasodobre tradicional a cargo dos Catro de Vigo e mais o Grândola, Vila Morena porán o ramo.

Isaac Díaz Pardo, pintor, editor, confundador do moderno Sargadelos e intelectual público de relevancia nacera en Compostela en 1920. O seu pai, o escenógrafo Camilo Díaz Baliño, morreu asasinado polo fascismo en 1936. Ese feito marcou a existencia de Díaz Pardo e o seu activismo político cultural. Finou na Coruña o 5 de xaneiro de 2012.

Comentarios