Homenaxe musical a “Moro”, vocalista de “Esquíos” na Estrada

A morte en xuño de Miguel Angel Castro, Moro, vocalista da banda“Esquíos” produciu grande conmoción no mundo do rock. Este sábado, a partir das 23 horas, un concerto colectivo lembrará ao músico na Estrada. Esquíos, Ruxe-Ruxe, John Deeres, Raiba, Seve e Regato Matamulleres participarán na homenaxe. 

Esquios
photo_camera Esquios

Miguel Angel Castro, Moro, morría pouco despois de que Esquíos rematara o seu cuarto disco, o “Porcocán” que, en homenaxe ao seu vocalista, a banda decidiu colgar na súa páxina web para a súa descarga de balde. Este sábado día 7 ás 23 horas, na Praza do Concello da Estrada, os Esquíos subirán de novo ao escenario para participar na homenaxe colectiva a Miguel Castro, compartindo cartaz con Seve, Regato Matamulleres, John Deeres, Raiba e Ruxe Ruxe. 

“A nosa participación será curta pero agardamos que intensa, e a parte dalgúns colaboradores sorpresa, presentaremos a nosa nova formación” informa a banda desde a súa páxina, na terceira entrada publicada desde a morte de Moro o pasado día 24, as outras dúas tamén por homenaxes ao compañeiro desaparecido. 

Premio do xurado da canción do verán

Na anterior información, os Esquíos dedicábanlle a Miguel Castro o premio que viñan de recibir no concurso musical da Radio Galega na que o xurado escollera o seu tema “Ei xabarín” para o “Vas sacar nota”. 

“Non tiñamos pensado nin de broma poñer o noso último disco en descarga de balde por motivos varios, pero como o que máis queremos é que o traballazo que fixo Moro no mesmo chegue á maxima xente posible”  decidiron o acceso libre a “Porcocán”. O cuarto disco da banda punk, rock e rock-garaxe e o terceiro no que interviña o vocalista pódese descargar desde a súa páxina web como primeira homenaxe da banda.

Comentarios