Homenaxe a María Casares en Cineuropa no seu vinte cabodano 

María Casares nacía na Coruña un 21 de novembro de 1922 e morría en Alloue (Francia) 74 anos despois, un 22 de novembro de 1996. Así que a semana vindeira a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) organiza unha homenaxe no seu vinte cabodano. 

maria-casares-foto-web-aaag
photo_camera María Casares

'Vinte anos sen María Casares' é a homenaxe que lle renden á actriz galega, filla de Santiago Casares Quiroga (ministro e xefe de Goberno da República), desde a AAAG, nos días 22 e 23 de novembro, no marco do festival Cineuropa. Dentro da súa programación contan coa proxección da única entrevista que hai de María Casares en castelán, así como a proxección de varios filmes e unha mesa coloquio na que participarán especialistas da vida e obra da homenaxeada. 

María Casares, actriz consagrada en Francia como unha das grandes intérpretes teatrais, traballou con personaxes como Jean Cocteau, Marcer Carné, Bresson ou Marcel Camus, mais foi silenciada no Estado español e exiliada pola súa vinculación á causa republicana. A pesar diso é aínda unha figura pouco coñecida na actualidade alén do ámbito do teatro. 

A homenaxe comeza na terza feira, 22 de novembro, ás 16.00h no Salón Teatro, coa proxección da única entrevista en castelán na que se pode ver e escoitar a María Casares en clave autobiográfica; continúa ás 17.30h coa proxección do filme 'Le Testament D’Orphée' (O Testamento de Orfeo), con guión de Jean Cocteau. A seguir, ás 19.00h, levarase a cabo unha mesa coloquio sobre María Casares, presentada por Mabel Rivera, vicepresidenta da AAAG. Na mesa coloquio participarán María Lopo, biógrafa de María Casares e autora do libro 'O tempo das mareas', José Luis Castro de Paz, profesor da USC e historiador de cine, e Sabela Hermida, actriz e investigadora de María Casares, e será conducida por Alberto Ramos. Na cuarta feira, 23 de novembro, proxectarase o filme 'Les Enfants du paradis' (Os nenos do paraíso) no Salón Teatro, ás 16.45h.

Alén da programación vinculada ao Cineuropa, na semana do 21 ao 25 de novembro, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) colaborará co Diario Cultural onde cada día emitirán unha peza da actriz homenaxeada a través da lectura dun poema por actrices da asociación, textos que foran primeiramente lidos por María Casares, así como fragmentos seleccionados da entrevista que a TVG lle fixo á actriz no ano 1989 no programa Xente Nosa.