Unha homenaxe lembrará o Padre Seixas no seu centenario

Compromiso, solidariedade e bondade son algunhas das cualidades que se lembran do Padre Seixas, o xesuíta de esquerdas e galeguistas que será homenaxeado en Vigo o vindeiro día 26 con motivo do seu centenario. 

seixas
photo_camera seixas

A memoria que de Xaime Seixas Subirá, o Padre Seixas, fica destaca a súa solidariedade cos máis desfavorecidos e o seu compromiso coa lingua que o levou a se converter en pioneiro da liturxia en galego. O vindeiro día 26 de xuño, ás 19:00 horas tributaráselle unha  homenaxe en Vigo, a cidade na que pasou boa parte da súa vida, diante da estela de pedra na rúa que leva o seu nome, á beira do parque da Bouza. 

Nacido en Santiago de Compostela en 1915, o Padre Seixas estudara Maxisterio, Linguas Clásicas, Filosofía e Teoloxía e escolleu a orde dos xesuítas para o sacerdocio. Cun claro compromiso coa esquerda, o Padre Seixas foi destinado a Burdeos nos anos cincuenta, onde toma contacto co exilio asentado naquel momento en Francia. Salamanca e a República Dominicana serían outros dos lugares onde desenvolvería o seu sacerdocio antes de regresar a Galiza en 1965, instalándose en Vigo. Sería nese mesmo ano no que o Padre Seixas oficiaría a primeira misa en galego desde o levantamento militar que tivo lugar en San Domingos de Bonaval o 25 de xullo, na orixe da misa ofrendada nesa xornada a Rosalía de Castro. No oficio do enterro do oftalmólogo Antón Beiras, Seixas converteríase tamén no primeiro en dar unha homilía en galego en Vigo. 

Da súa vontade naceron varias publicacións en galego, entre elas, a tradución da liturxia, en especial a través da editorial SEPT, coorganizadora agora da súa homenaxe. De especial relevancia foi o libro da súa autoría 400 nomes para galegos e galegas de 1977, un volume tamén pioneiro que experimentou un singular éxito entre pais e nais que buscaban nomes para lle poñer aos seus fillos e fillas. O Padre Seixas morreu en 1994 en Valladolid.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios