Homenaxe e lembranza en Boisaca a un home bo

Duascentas persoas participaron no cemiterio compostelán dun acto que acolleu poemas, música e irmandade que desafiou (vencendo) ao mal tempo no segunda cabodano de Díaz Pardo.

IsaacDiazPardo
photo_camera Diaz Pardo

Isaac Díaz Pardo marchou o 5 de xaneiro de 2012, deixando unha vida plena como poucas, un compromiso forxado desde a nenez cun país negado e a crenza en valores como liberdade, igualdade, fraternidade. Foi o neno barulleiro e rebelde que coñeceu de primeira man aos grandes ‘irmáns’ do nacionalismo galego (Bóveda, Castelao, Ánxel Casal...), habituais do obradoiro do seu pai (Camilo Díaz Baliño, galeguista paseado no 36), e aos que acusou garrufo na súa militancia comunista de burgueses e conservadores. Recoñeceu sempre que nunca se arrepentira tanto dunhas palabras como desas.

Victor Freixanes: “Hai que coller o modelo de Isaac, que era quen de construír”

A obra de Isaac Díaz Pardo é inmensa e abrangue múltiples campos (editorial, pintura, empresa, escultura, deseño, recuperación da memoria histórica...). Sempre humilde e traballador, teimudo, quizás tamén lle acaia en parte aquelo que dicía Castelao de Casal: “Fixo máis por Galiza que todos nós”.

En Bonaval xuntáronse este domingo, desafiando choiva e vento, por volta de duascentas persoas para lembrar a este galeguista, o “conservador libertario” como ás veces gostaba de se definir. Familiares, amigos e compañeiros de Díaz Pardo quixeron lle render homenaxe no seu segundo cabonado. Entre outros, Martiño Noriega (alcalde de Teo) e Xerardo Estévez (ex-rexedor compostelán), Alonso Montero (presidente da RAG), Victor Freixanes (escritor) e Yolanda Díaz (AGE).

Houbo poesía (Ánxeles Ruibal, Rábade Paredes) e música (Luis Ferreiro e Laura e María Quintillán) nun acto presentado por Antía Otero. E houbo invocacións a rachar con esta tamén noite de pedra. E uns cativos ceibaron pombas. E os gaiteiros de Beade tocaron o Himno Galego e A Internacional.

Comentarios