O 18 DE MAIO NA CORUÑA

Homenaxe ás Irmandades cos coros que foran fundados daquela

A Academia Galega e o Concello da Coruña celebran na quinta feira o centenario da fundación da primeira Irmandade, a da Coruña, cun acto no que participan os catro coros que aínda sobreviven e que foran fundados por este colectivo.

cantigas
photo_camera Imaxe de Cantigas e Agarimos de 1928 (fonte: web da asociación)

O 18 de maio de 1916, no local que daquela ocupaba a Real Academia Galega na rúa Rego de Auga da Coruña, tiña lugar a xuntanza convocada por Antón Villar Ponte na que nacería a primeira das Irmandades da Fala. Xusto cen anos despois daquel encontro, o teatro Rosalía de Castro da Coruña acollerá o vindeiro mércores un acto musical e literario, organizado pola RAG e o Concello da Coruña, que conmemorará o aniversario da fundación deste movemento para a lingua e a cultura galegas. No programa terá un protagonismo especial os catro coros históricos que xurdiron naquel contexto e que seguen activos.

Cántigas da Terra, agrupación coruñesa que cumpre tamén este 2016 cen anos, o ferrolán Real Coro Toxos e Froles (1914), a Coral de Ruada de Ourense (1918) e a formación compostelá Cantigas e Agarimos (1921) serán as formacións encargadas da parte musical do programa, no que a escritora Estíbaliz Espinosa intervirá como mantedora.

Na parte literaria, subirán ao escenario os académicos Manuel Rivas e Fina Casalderrey, a xornalista Cristina Lombao, a profesora Carmen García-Rodeja, a estudante Orleni Mateo, a actriz Isabel Risco, Manuel Lugrís, neto de Manuel Lugrís Freire, un dos fundadores da Irmandade da Fala da Coruña e presidente da RAG entre 1934 e 1935, e Pedro Fernández Roque, presidente da Asociación de Veciños da Cidade Vella da Coruña María Pita. As súas voces encherán o teatro de textos escritos por figuras destacadas das Irmandades como Ramón Cabanillas, Lugrís, Vicente Risco e Antón Villar Ponte ou Castelao.

Os coros e a dignificación da lingua

Os coros funcionaron no tempo das Irmandades da Fala como importantes axentes de normalización da lingua galega e de recuperación e promoción da música popular. "Interésanos máis un coro galego que un deputado en Cortes por Galicia", chegou a dicir Antón Villar Ponte, quen concibira este movemento co seu irmán Ramón. Xunto á música, as Irmandades traballaron tamén para introduciren o galego no ensino, na xustiza ou nos actos públicos, así como en xéneros literarios relegados no Rexurdimento. Impulsaron deste xeito a modernización da cultura galega cun novo teatro en galego culto que buscaba superar os clixés ruralistas e costumistas; cultivaron o ensaio, sobre todo como forma de expresión do seu pensamento político, incrementaron a edición de narrativa e avanzaron tamén no xornalismo en galego.
Neste contexto naceron revistas como A Nosa Terra, o medio de comunicación oficial das Irmandades, editoriais como Lar, fundada por Leandro Carré Alvarellos e Ánxel Casal na Coruña, ou o Conservatorio Nacional de Arte Galega, creado en 1919 pola Irmandade coruñesa. Esta agrupación, ademais da primeira en se constituír, foi tamén a que máis afiliados sumou (a metade do total), a máis activa e a que contou con máis mulleres.
 

Comentarios