A segunda edición do simposio “A memoria das mulleres” dedícase á “Escola represaliada e resistente” e terá lugar na Casa das Campás de Pontevedra durante a sexta feira día 30 e o sábado 31 de maio organizado pola Concellaría de Patrimonio Histórico. Entre as protagonistas, a profesora Ernestina Otero Sestelo ten un espazo especial e será a protagonista da homenaxe que se desenvolverá diante do antigo edificio da Escola Normal, no Paseo de Montero Ríos a quinta feira 29 ás 20.30 horas coa participación de Carme Fouces, Puga Pereira, Aurora Vidal Caramés, Clementina Vidal Caramés e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Represión contra renovación
Natural en Redondela onde naceu en 1890, Ernestina Otero foi profesora na Escola Normal (Maxisterio) de Pontevedra, centro que chegou a dirixir durante a República e que impregnou das súas ideas renovadoras no ámbito pedagóxico. Defendeu os dereitos das mulleres, entre eles os da formación, e manifestouse en 1933 a favor do estatuto de autonomía. Despois do golpe de 1936, Ernestina Otero foi suspendida de emprego e soldo e no seguinte ano separada definitivamente da profesión o que a levaría a ter que sobrevivir impartindo aulas particulares.
Coa revisión do seu expediente e despois de estar suspendida do emprego durante dous anos, pasa a impartir aulas na Escola Normal de Ourense. Durante todo o tempo, Ernestina Otero Sestelo desenvolve tamén un importante labor de axuda a fillos e fillas de vítimas da represión franquista. Só en 1951 puido volver a Pontevedra, onde finou aos 65 anos.
A conferencia de Anxo S. Porto Ucha “A escola represaliada na provincia de Pontevedra” dará inicio ao programa do Simposio a quinta feira ás 17.30 horas, nunha sesión na que Raquel Vázquez Ramil se achegará ás mulleres galegas na Residencia de Señoritas de Madrid e se presentará o número 27 da revista Murguía, dedicada á “Historia da Educación na Galiza”.
O sábado 31 de maio a segunda sesión comezará coa intervención de Xosé Manuel Cid, “As mestras represaliadas en Ourense, para seguir coa conferencia de Xosé Álvarez Castro, “A escola represaliada na comarca de Pontevedra”. Clausurará o Simposio Carlos Velasco Souto coa conferencia “O franquismo despois de Franco”.