Homenaxe a Domingo Villar na liña marítima que une Vigo e Moaña

O escritor recibirá unha lembranza popular este sábado nos últimos traxectos da liña regular entre Vigo e Moaña.
O escritor Domingo Villar. (Foto: Europa Press)
photo_camera O escritor Domingo Villar. (Foto: Europa Press)

Lembrando un dos escenarios máis presentes nas obras do escritor Domingo Villar, recentemente falecido, este sábado a liña regular Moaña-Vigo-Moaña homenaxeará ao autor vigués no Último barco.

O acto realizarase nos últimos traxectos da liña regular a Moaña, que sae de Vigo, ás 21:30 horas, e no seu regreso dende Moaña, ás 22 horas.

Nela estará aberta a oportunidade de achegarse á embarcación e ler un fragmento, un parágrafo ou unha páxina, dalgunha das obras do autor.

Ás once en punto, o Pirata de Ons soltou amarras en Moaña e avanzou ao ralentí entre as bateas, comezaba o derradeiro capítulo do libro O último barco (Editorial Galaxia, 2019) que continuaba co seu protagonista: Leo Caldas ía na cuberta superior, detrás da ponte de mando, mentres que o resto da pasaxe facía o traxecto na cabina, a resgardo do frío.

Os escenarios vitais do escritor vigués

Nesta obra, publicada en 2019, Villar creou unha trama que busca atrapar as lectoras e lectores desde a primeira páxina, como nos libros A praia dos afogados e Ollos de auga.

En todas elas desenvolve os argumentos no seu escenario vital, desde as praias e a Lonxa de Panxón a Monteferro, a Taberna do Elixio, a Escola de Artes e Oficios, a liña do vapor Moaña-Vigo e a parroquia de Tirán, en Moaña

Villar, nado en 1971, foi un dos escritores galegos máis recoñecidos do panorama actual. En gran medida pola tradución dos seus libros a varios idiomas. A súa vida persoal e como novelista estivo moi vencellada a Vigo.

Este mesmo ano, o escritor de novela negra fora un dos galardoados co premio 'Vigués Distinguido'. Nós Diario publicou o pasado 11 de setembro unha entrevista con el realizada polo xornalista Manuel Xestoso.

Comentarios