Homenaxe do mundo 'trad' ao gaiteiro Mallou

Hoxe sábado varios grupos tradicionais da capital fanlle unha homenaxe musical ao gaiteiro Juan Bello Mallou, un auténtico referente da música na cidade, que tocou durante 56 anos en Cantigas e Agarimos. 

mallou_familia
photo_camera Juan Bello Mallou (imaxe de Cantigas e Agarimos)

Na homenaxe, que ten lugar hoxe sábado 23 de xaneiro ás 19 horas no Teatro Principal, participan grupos como Durindaina, Os Estalotes, Cantigas e Agarimos, Do Fondo do Peto, Cuarteto Brigantino e Airiños das Casas Novas. O acto está organizado por Do Fondo do Peto. Un dos seus compoñentes, Xan Ferrás, afirma que Mallou “era mestre de mestres”. 

Juan Bello Mallou (Compostela, 1925-2014) era fillo de tamborileiro e sobriño de gaiteiro. Deste xeito, iníciase no tambor e logo irá pola gaita. Ten tocado en numerosos grupos da cidade, como Os de Alfredo ou Os Enxebres Refrexo das Casas Novas. Con 20 anos integrouse en Cantigas e Agarimos, onde permanecería 56 anos como gaiteiro e corista. Alí coincidiu con Basilio Carril, formando un dos dúos con máis sona da época. Nestas cinco décadas colleitou innumerables premios e recoñecementos e viaxou a importantes escenarios de Europa e América, ademais de gravar varios discos.

Mallou nunca soubo solfexo e chamáballe “caghallas de moscas” ás notas das partituras, tal e como se reflicte no libro 'Juan Bello Mallou. O gaiteiro das Casas Novas'. Tamén fixo recollidas de temas tradicionais polo país adiante, algunhas das cales foron interpretadas por Durindaina, que se volven xuntar 20 anos despois para participar esta homenaxe. 

Comentarios