Homenaxe ao home que tiña fe na liberación nacional

O día 29 de novembro o historiador e teólogo Francisco Carballo morría en Salamanca. Hoxe, sábado día 27 ás 17 horas, réndeselle homenaxe no concello de Maceda.  

.
photo_camera .

“O futuro está nas nosas mans, a marcha liberadora pode ser longa, pero é inevitábel” escribiu Francisco Carballo nun dos seus artigos publicados en Sermos Galiza e pode ser que a frase retrate o espírito do historiador, teólogo, crego, nacionalista militante e promotor de iniciativas culturais e de comunicación que morría en Salamanca o pasado sábado 29 de novembro. 

O 13 de decembro, os restos mortais de Francisco Carballo foron soterrados en Asadur, a aldea de Maceda na que nacera hai 89 anos. Este 27 de decembro desenvolverase unha homenaxe popular no seu concello natal, para recoñecer a xenerosidade de quen construíu unha biografía encamiñada a “liberarnos dunha historia imposta”, como el dicía. 

Activista e intelectual, o perfil de Francisco Carballo debúxase desde a proximidade da confianza da que facía gala até a altura da dignidade e honestidade que mantivo sempre, vertida tanto nos seus traballos como investigador como nos seus posicionamentos políticos e vitais. 

“Era un profesor a todos os niveis, o mellor orador que deu o nacionalismo desde Santiago Álvarez. Nunca impoñía as súas ideas, sementaba, dicía, porque sabía que algún día prenderían", Afonso Eiré

Presidente da Asociación Cultural de Vigo, militante da UTEG de primeira hora, fundador e candidato en catro eleccións polo BNG, mestre e crego, investigador e pioneiro dos estudos históricos desde o nacionalismo, Carballo foi durante toda a súa vida un activista no que as distintas facetas se unen con idéntico obxectivo, o seu amor a Galiza e a defensa da xustiza social. 

“Era un profesor a todos os niveis, o mellor orador que deu o nacionalismo desde Santiago Álvarez. Nunca impoñía as súas ideas, sementaba, dicía, porque sabía que algún día prenderían. Sorprendía tamén a moita información que manexaba, de toda a actualidade e de todas as organizacións políticas”, destaca Afonso Eiré, director de A Nosa Terra da que Carballo foi promotor e o  que máis anos ocupou o a presidencia do seu Consello de Administración.  A admiración e o aprecio que Eiré sinte por Carballo móstrase en cada unha das lembranzas que destaca do tempo compartido. “Tivo un papel moi importante en ANT. Cando estivo a piques de pechar en Santiago e viñemos para Vigo, foi el un dos que máis se empeñou en seguir, poñendo cartos e traballando no proxecto. Na festa do décimo aniversario pregunteille por que confiara en que o xornal ía ir para adiante. Contestoume que non confiaba que durara máis de tres meses mais que como me vía tan ilusionado decidiu tirar polo proxecto”, lembra, dun tempo no que a súa presenza na redacción era habitual. “Tivo posibilidade de ser bispo mais negouse. El non falaba diso. Dicía que o seu papel estaba alí, co xornal, co maxisterio, coa mocidade, cos pobres... esa era a súa elección”, comenta Eiré. 

“Destacaba a necesidade de medios de comunicación propios. Falaba do pasado, do presente e do futuro do xornalismo e entendía que era estratéxico para o nacionalismo”, Marga Romero

Coa ilusión dun mozo co futuro por diante  

“Precisamos liberarnos dunha historia imposta e coñecer a propia historia de Galiza”, dicía e esa manda conduce o labor de Carballo como pioneiro na investigación e difusión histórica desde Galiza, labor para o que A Nosa Terra se converteu en plataforma privilexiada con aquela inaugural colección de libros de divulgación que Carballo contribuíu a botar a andar como un labor colectivo. Canda Lois Obelleiro, Bieito Alonso, Francisco Calo e Anselmo López Carreira, Carballo asinaría as dúas edicións da Historia de Galiza que se converteron nos libros máis vendidos da editorial e materiais imprescindíbeis para o relato da historia desde nós mesmos. 

Con Marga Romero volveuse topar Carballo na constitución do grupo promotor de Sermos Galiza e os dous partillaron actos de presentación en Cangas, Marín ou Ourense. Tiña xa máis de 85 anos mais mantiña o entusiasmo e e ilusión no novo proxecto, como lembra a escritora. “Para el tiña que significar a continuidade do xornalismo que naceu en A Nosa Terra do que tiña que tomar forza e exemplo. Era o elo de unión entre as dúas épocas. Víao como un mozo novo con todo o futuro por diante”, destaca Marga Romero ao tempo que evoca os seus entusiastas discursos na presentación do proxecto. “Destacaba a necesidade de medios de comunicación propios. Falaba do pasado, do presente e do futuro do xornalismo e entendía que era estratéxico para o nacionalismo”, afirma, das moitas mesas que partillou co historiador desde aquelas iniciais nos anos oitenta cando como membro da directiva da Asociación Cultural O Galo o convidaran para un encontro arredor do tema “Onde vai un país que non sabe como se chama”. 
 
O militante sempre disposto 

Desde a fundación do BNG e até a súa morte, Francisco Carballo foi militante de base mais tamén membro durante un tempo dos seus órganos de dirección e candidato en catro ocasións nas fileiras da organización nacionalista. O secretario de organización do BNG, Bieito Lobeira, compartiu asemblea en Marín e evoca a Carballo como o “modelo de militante, por entrega e compromiso. Estaba para todo, para ir a calquera parte do país con independencia do foro que se tratase. Era unha persoa firme e coherente nos seus principios e mesmo chegou a defender formas de insubmisión como aquela campaña na que, pincel en man, normalizaba el mesmo os topónimos deturpados”. 

"Proxectaba entusiasmo en toda a militancia e era sempre o que elevaba o ánimo. Sabía que o nacionalismo era un camiño de longo percorrido mais convidaba a termos a cabeza erguida”, Bieito Lobeira
 

Lobeira visitou en Salamanca a Carballo hai uns meses canda un grupo de militantes, maiormente da súa comarca. Atopouno igual de comprometido, na mesma posición de confianza na liberación nacional, malia que soubera que o camiño ía ser longo e el xa non vería. “Tiña claro onde militaba, cal tiña que ser a dirección cara a liberación e o papel dunha organización como o BNG, mesmo nestes últimos tempos. Proxectaba entusiasmo en toda a militancia e era sempre o que elevaba o ánimo. Sabía que o nacionalismo era un camiño de longo percorrido mais convidaba a termos a cabeza erguida”, destaca dun home que estivo sempre “a disposición da organización, para todo e sen pedir nada a cambio”. 

“A súa historia da igrexa galega é a mellor das que se fixeron, con criterio e aportacións propias, achegándose ao presente. Tamén os seus traballos sobre cristiáns galeguistas, entre eles Alexandre Bóveda son moi clarificadores”, destaca o teólogo Vitorino Pérez Prieto para quen Carballo “une de maneira harmónica a súa fe cristián e o seu ideario nacionalista. O que movía a súa vida era a súa fe evanxélica comprometida cos pobres e, desde ela, meteuse en política e no nacionalismo porque este era o país no que vivía”. 

Con Carballo, Vitorino Pérez atopouse no grupo Encontros que cregos e ex-cregos montaron hai oito anos. “ A súa palabra era sempre valorada, moi respectada. Non teño dúbida de que a súa fe cristián vertebrou o seu compromiso sociopolítico, sempre foi fiel á teoloxía da liberación e as súas posicións non eran as da Igrexa oficial en Galiza. “Nunca se desanimaba, era moi optimista. Sabía o que quería e quen o queriamos. Desde o nacionalismo e o cristianismo sabemos o lugar de destaque que a súa memoria ocupa”, conclúe. 

(Esta información foi publicada no semanario Sermos Galiza n. 125 con motivo da morte de Francisco Carballo. Hoxe recuperámola no día da homenaxe que se lle rende en Maceda)

Comentarios