Do 11 ao 14 de xullo

Históricos da música celta como Gwendal ou Moving Hearts protagonizan Ortigueira

A nómina de músicos irlandeses agrupados en Moving Hearts é de primeira categoría. Mitos como Dónal Lunny ou Davy Spillane lideran unha formación pola que tamén pasou o xigante Christy Moore. A súa actuación a sexta feira, 12 de xullo, será un dos intres máis agardados nun dos máis agardados festivais do verán galego: Ortigueira.

Gwendal_2009
photo_camera Imaxe de Gwendal nun concerto de 2009. Foto: Wikipedia.

Entre a quinta feira 11 de xullo e o domingo 15, a localidade da costa norte da Galiza será a capital do mundo celta. Non por acaso o lema do encontro deste ano é Oito nacións, unha cultura. Bandas, conxuntos e grupos chegados de boa parte delas enchen un programa en que as letras capitais corresponden aos mencionados Moving Hearts pero tamén aos bretóns Gwendal.

Estes tocarán a quinta feira cos andaluces Stolen Notes. O primeiro disco de Gwendal data de 1974. Os seus traballos daquela década -Joe can't reel, Rainy Day (À vos désirs) ou 4-, en que mesturaban folk e jazz e música eléctrica, fixéronse habituais nas coleccións alternativas da altura.   

Escocia será, con Galiza, unha desas oito nacións máis representada no escenario principal do encontro. A sexta feira, 12 de xullo, acompañarán Moving Hearts o Peoples Ford Boghall & Bathgate Caledonia Pipe Band e Project Smok. Completa a xornada a banda do gaiteiro Anxo Lorenzo.

O sábado haberá igualmente presenza escesa: Shooglenifty, veteranos que incorporaron ao folclore trazos electrónicos e de rock alternativo. Os polacos Beltaine, os bretóns Bagad Kerlenn Pondi, a compañía de danza irlandesa Dominic Graham School e os ingleses Flook pasarán polo palco esa mesma noite.

O domingo 14 de xullo será a xornada galega por excelencia. O Fiadeiro, Tanxugueiras, Leilía e a Andrés Penabad Band subirán ás táboas e pecharán o festival na Noite de Galicia.

Mais o programa de Ortigueira, un festival que naceu en 1978, non se reduce ao escenario principal -onde os concertos comezan ás dez da noite. Durante os catro días hai desfiles de rúa, concertos en bares e prazas da vila, actuacións dos proxectos gañadores no concurso Runas e obradoiros de baile ou fotografía. No documento anexo pódese consultar a programación enteira.

Comentarios