Que outras historias galegas poderían ser levadas á ficción?

Logo do remate de O final do Camiño, a maior produción audiovisual sobre a historia de Galiza, preguntámonos polas outras posíbeis historias que poderían ter aproveitamento dramático. As e os lectores podedes opinar nos comentarios. 

Soldados a Compostela
photo_camera Soldados chegando a Compostela na serie 'O final do Camiño' [Foto: Voz Audiovisual]

A boa acollida do público galego (non así do español) á serie 'O final do Camiño', de Voz Audiovisual, cun share medio do 26,9% (sumando os datos de TVE e TVG) en oito capítulos, fai que lle preguntemos a historiadores e guionistas que outras historias galegas poderían ser interesantes para a ficción.

Antes de nada consultamos a Alberto Guntín, director de Desenvolvemento de Voz Audiovisual e un dos guionistas desta serie, quen defendeu que “a historia de Galiza é digna de ser contada. Hai material dramático e narrativo abondo como para facer series potentes que lle poida interesar non só a nós como galegos senón a calquera". 

Alberto Guntín, de Voz Audiovisual: "Hai dúas grandes historias que creo que hai moitos proxectos en todas as produtoras, que son como o Santo Grial da ficción: unha son os Irmandiños e outra a historia do wolframio na II Guerra Mundial"

E pon dous exemplos: "Hai dúas grandes historias que creo que hai moitos proxectos en todas as produtoras, que son como o Santo Grial da ficción: unha son os Irmandiños e outra a historia do wolframio na II Guerra Mundial, que daría para unha serie ben cumprida. E sería máis doado porque sabes o que pasou: hai nomes e apelidos…"

Nos Irmandiños coinciden case todos os consultados. Tamén Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual, que recoñece que "merecía outra serie ou un filme. Hai moitos anos que escoito que hai xente interesada en facela, pero é moi caro". E este dos cartos non é un problema menor. Unha producción de época, con moita acción e loitas en exteriores, non entra dentro do economicamente posible para un produto destinado ao mercado interior. 

Carlos Ares sobre os Irmandiños: "Hai moitos anos que escoito que hai xente interesada en facela, pero é moi caro"

O tamén guionista -de 'Era visto', entre moitas outras- considera que "temos unha historia apaixoante, ao igual que calquera outro país. E ese momento do final do camiño é apaixoante, é un momento moi interesante da historia de Europa, e de Galiza, con reis galegos incluídos". 

O mesmo consideran os historiadores. Carlos Barros, profesor da USC, considera que "a historia de Galiza, sobre todo a medieval, está pouco tratada tanto na novela, no cine ou na televisión. Por iso hai que celebrar que 'O final do camiño' chegara a bo porto". 

Carlos Barros: "A Revolución Irmandiña é para nós o que a Revolución Francesa para os franceses. Entón nese sentido, merecía un filme ou unha serie, e supoño que algún día se fará"

Barros, un dos máximos especialistas na Galiza Irmandiña, cre que esta revolta "está sen tratar como é debido. É un acontecemento crucial non só na historia medieval de Galiza, senón na historia de Galiza. É a revolta máis grande de raíz popular, exitosa en grande medida, e aínda non chegou á tele nin ao cine. Aí é onde temos que falar da falta de medios, pero é que quen podía financiar un filme así non o fai tampouco. Se cadra é que non hai interese. A Revolución Irmandiña é para nós o que a Revolución Francesa para os franceses. Entón nese sentido, merecía un filme ou unha serie, e supoño que algún día se fará". 

O tamén profesor da USC José Miguel Andrade, ademais asesor da serie de Voz Audiovisual, tamén considera que a historia de Galiza está sen explotar na ficción: "Esta serie foi o primeiro achegamento a un filón que podería dar máis froitos, e eu apostaría por seguir nesa liña". E sinala outros feitos históricos dos que se poderían tirar novos produtos sen saír da mesma época, como "a historia de Diego Xelmírez, Pedro Froilaz o conde de Traba, ou o Rei García". 

José Miguel Andrade:  "Esta serie foi o primeiro achegamento a un filón que podería dar máis froitos, e eu apostaría por seguir nesa liña"

Os Irmandiños na cultura

As loitas irmandiñas son pouco coñecidas na sociedade galega e chegaron con timidez ao mundo da cultura. O máis popular é o Asalto ao Castelo de Vimianzo, xunto co Festival Irmandiño de Moeche. E en 2016 botou a andar a Festa Irmandiña en Sarria. 

E pouco máis temos visto. A última mostra é o musical 'O poder do arcabuz', que mestura danza tradicional, contemporánea e música en directo, da compañía de Quique Peón e Xacarandaina, que foi estreada en decembro de 2015 no Teatro Colón da Coruña e desde entón leva percorrendo o país con notable éxito. 

O seu nome tamén se utilizou para nomear unha corrente política e mesmo para a selección galega de fútbol, cuxa duración foi máis escasa que un reinado de García. 

Comentarios