Cecilia F. Santomé: "Quixen explorar a posición das mulleres dentro do movemento migratorio"

"1979. Carrexando unha maleta cargada de entusiasmo, Carmen chega a unha Barcelona vibrante, moderna e chea de contrastes para pasar o verán". Tamén unha Barcelona abafante. Unha cidade "de paso". Eis a presentación d'Unha rapaza de provincias (Xerais, 2021), a última novela da escritora Cecilia F. Santomé. Un tributo a esa emigración galega "interior, en feminino".

'Unha rapaza de provincias' é a última novela da escritora Cecilia F. Santomé para Xerais. (Foto: Cedida) #xerais #ceciliafsantomé
photo_camera 'Unha rapaza de provincias' é a última novela da escritora Cecilia F. Santomé para Xerais. (Foto: Cedida)

Unha rapaza de provincias semella de partida ben diferente á súa anterior novela, Quérote. Eu tampouco (Xerais, 2019). É así?

Cando dis que son diferentes estou de acordo contigo porque Quérote. Eu tampouco entra na categoría do que se deu en chamar novela millennial, explorando os afectos, o xeito de vivir da xeración á que eu pertenzo... E n'Unha rapaza de provincias estamos diante dunha obra máis convencional, arredor dunha experiencia na época da transición. Mais en realidade si que vexo unha conexión e é que se fala moito da construción da identidade nunha contorna hostil, que en ambas as novelas é unha gran cidade. Obviamente, os tempos e a perspectiva son diferentes, mais hai ese fío condutor. 

Dicía Elizabeth Strout na súa novela My Name Is Lucy Barton que "cada escritor leva dentro un ou varios temas que, escriba o que escriba, acabará sempre tratando". E creo que se cumpre a norma comigo porque por moi distintas que sexan as novelas no ton, na ambientación etc., eu sigo vendo ese mesmo fío. A min a cuestión identitaria, sexa desde a óptica das raíces, da cultura, da sexualidade, sempre me interesou moito e aquí volvo sobre iso. 

Entón, como xorde Unha rapaza de provincias?

A obra nace porque me criei escoitando historias da emigración. Na miña familia había casos deste tipo e tamén pertenzo a unha xeración na que moitos nenos da miña idade creceron coas avoas, sobre todo, porque os pais estaban emigrados nunha gran cidade de España ou directamente en Inglaterra, Suíza... Todo isto marcoume e sempre sentín curiosidade por explorar como se sentían esas persoas que vivían nunha especie de desarraigo. Máis tarde, a miña experiencia persoal levoume a comprobalo. 

Esta historia é unha especie de tributo a ese ambiente, a esa xente que tivo que loitar por mellorar as súas condicións. Paréceme interesante explorar a posición das mulleres dentro dese movemento migratorio, tamén por ser testemuña desa visión das condicións, sen idealizar nin converter nun cliché. Nin todo era fantástico nin todo eran as experiencias de Paco Martínez Soria como un paleto chegando á gran cidade.

Que historia conta na novela?

É un verán na vida de Carmen. Carmen é a gran protagonista aínda que no fondo é unha especie de novela coral porque arredor dela hai outros personaxes que enriquecen a escena. 

A obra é algo así como un bosquexo de novela de iniciación. Ela naceu nunha aldea, onde se criou, mais é unha rapaza universitaria. 

No verán do 79 ela vai a Barcelona porque a súa irmá, que vive alí, está a piques de dar a luz. Era algo moi común nesa época. En realidade, unha persoa de aldea nos anos 70, e nos 80 probabelmente tamén, non marchaba de vacacións, non era algo que estivese dentro do seu horizonte. As viaxes eran moito máis pragmáticas e este era o caso. Vai alí porque ela ten o descanso na universidade e os pais fináncianlle esa viaxe para que lle bote unha man á irmá. En Barcelona descubrirá un mundo que igual xa intuía mais que aínda non vivira... Para ela é un choque moi grande, moi enriquecedor, moi bonito e, ao mesmo tempo, un tanto abafante.

Como curiosidade, tamén sacou unha playlist desta obra...

O da playlist ten unha dobre orixe. Para escribir esta novela, á parte de facer investigación doméstica, rebusquei en arquivos para ver detalles da Barcelona do 79, para vivila o máximo posíbel: fotografía, historia, arte, cultura, concertos, acontecementos... que se estaban a producir nese mesmo momento. Mais ao tempo que escribía tamén escoitaba música propia dese instante e aí xogou un papel fundamental miña nai porque me ía lembrando cousas súas dese momento. 

Parecíame anecdótico e bonito xuntar todas esas influencias nunha playlist e dála a coñecer porque creo que o factor nostalxia nos une a todas. Vivindo ou non nese tempo, é unha bonita ambientación.

Comentarios