Unha instalación explica a historia do "soño obreiro" en 180 metros de láminas

Claudio Pato presenta en Ourense o libro Corona* e a inxunción das n articulacións (libres) (Saurobuks, 2022) coa instalación A feira do proletariado de Xosé Luís de Dios e Xoán de Dios.
Tres das láminas que se presnetarán esta sexta feira en Ourense (Foto: Nós Diario).
photo_camera Tres das láminas que se presnetarán esta sexta feira en Ourense (Foto: Nós Diario).

O poeta Claudio Pato, xunto aos artistas Xosé Luís de Dios e Xoán de Dios, converterán hoxe o café Ollo Ledo de Ourense nun espazo poético e crítico coa presentación do libro Corona* e a inxunción das n articulacións (libres) (Saurobuks, 2022) e a instalación A feira do proletariado

O evento, que contará coa presenza do editor e poeta Alfonso Rodríguez e o músico e filósofo Abraham Rubín, comezará ás 20 horas coa apertura da sala inferior do local que estará revestido por completo con grandes láminas. Serán 180 metros de papel pintado a rotulador alzado sobre a historia concentrada do universo, desde os escitas até os refuxiados actuais, con arquivos do "soño obreiro".

Os autores, Xosé Luís de Dios na realización e Xoán de Dios na montaxe,  prepararon esta obra durante catro anos e só estará visíbel esta sexta feira até a hora do feche, cara á medianoite. 

A tamén artista Enar de Dios explica que nesta instalación  "está o mundo" e cóntanos que "os barrotes, agora sobre rodas, apenas ocultan a multitude; que a función do ferro é producir serraduras, mareas negras; que as formigas acougan detrás das xanelas; que a batalla comeza no escaparate". 

Un libro froito do confinamento

Claudio Pato explica a Nós Diario que o seu novo libro  é "bastante especial". Naceu como consecuencia do confinamento e reúne 55 fotografías realizadas entre o 16 de marzo e o 9 de maio de 2020. "Todos os días facía unha fotografía en casa con algo na cabeza" para logo engadirlle unha "inxunción, idea que tomo dun filósofo francés", sinala.

Ademais, engade códigos QR que levan a entrevistas e outros arquivos realizados por el mesmo. 

Claudio Pato, até agora, ten publicados, entre outros, os libros de poesía O almorzo do pintor de iconos Andrei Rublev (Editorial Xerais, 1997), Unha vida de traballo nos bosques do cánabo (Editorial Xerais, 2002), Como estás? (Estaleiro Editora, 2011) e Draga. Se o bruído e a rotación do amonal na casa das abellas (Proxecto Xerminal e Concello da Coruña, 2018).

Na actualidade colabora en diferentes proxectos co grupo de Free Jazz e Action Painting Desterritorializadxs e co músico Mark Wiersma (Ventrílucuo).

Comentarios