Rock in Cambre, a achega de Xurxo Souto

Historia do rock & roll

xurxosouto-cans

O primeiro concerto ao que asistín foi en Cecebre, sala La Juventud. Andaría polos trece anos, o meu amigo Prieto convidárame á súa casa e non esperaba, abofé, tal agasallo. 

Tocaban Blancanieves (de Pontedeume), e tocaban Los Thor, grupo con gran poderío escénico (xa daquela tiraban ao público recortes de cartolina amarela con forma de lóstrego). Impresionante.

Tan profunda foi a conmoción que inmediatamente tentei iniciarme no virtuosismo hevicheiro, dándolle aos acordes –recoñéceo, ti tamén o fixeches– de Smoke on the Water (pan, pan, pán/pan, pan, pán, pan/pan, pan, pán, pan, pán!)

Xa case me saían pero houbo que cambiar de estética. Só dous anos despois, nun recreo de Zalaeta –o instituto– un compañeiro repetía poseso este retrouso: Ayaltollah, no me toques la pirola! Por el soubemos da polémica Punto Tres. Nesta sala, nun concurso de grupos novos –condición sine qua non non ter gravado disco ningún–, gañara un conxunto de Vigo. Até aí ben. Mais Nonito Pereira Jr. (o do programa de radio Chupete Rock) apareceu cun single deles. Non sei se foron desposuídos do premio. Mais si sei que foi a mellor promoción dun nome que habería virarse mítico: Siniestro Total. Comezo por certo dunha fascinación  norte/sur que culminou co nomeamento de Julián Hernández como veciño predilecto de Cambre. 

Anos oitenta. A Coruña era a poesía. O colectivo De Amor e Desamor enchía salas cos seus recitais. Ente eles, Lois Pereiro, un poeta punki. O seu irmán, Jonny Rotring, mesmo tiña un conxunto: Radio Océano. Outra nova estética da que nada sabiamos pero que moito nos prestou: O Atlantismo. Dende entón seguimos a berrar: Como o vento!

Máis poesía. E máis Vigo. De aló chegaron –xa me puiden coar no pub– Rompente en forma de performance. Un deles axiña retorno. Dicían os gurús que o galego non valía para o rock&roll. Equivocáronse. Antón Reixa inventou Os Resentidos.

Falta outra parte desta crónica. A que máis me interesa (e menos a ti): a miña propia biografía. En Cambre cantei por primeira vez. Aos doce anos –concurso escolar– no ximnasio do Colexio Wenceslao Fernández Flórez. Botei Gorrión de Miguel Gallardo. Quedei de segundo. Outro neno arrasou con Sandokán! 

Dende a canción melódica, cos impulsos sonoros que acabo de expor, as miñas preferencias foron derivando cara ao bravú. 

Cambre, o ano pasado vivín a emoción do retorno: volvín para cantar cos Diplomáticos de Monte-Alto. Si, a escasos metros do escenario de Gorrión.

Agora sentirei a emoción suprema. No Campo da Feira, Radio-Siniestro/Océano-Resentidos. E a canda eles, os máis jrandes, Heredeiros da Crus, o grupo que converteu o rock galego nun auténtico fenómeno de masas.

Rock in Cambre: Trinta anos de creatividade concentrados nun escenario.

Somos un pobo de artistas!

Este texto publicouse no Caderno de Verán correspondente ao nº305 do Sermos Galiza, que podes ler na nosa loxa

Comentarios