A historia do galego que “inventou a lúa” chega ás pantallas

“Funes, o inventor da lúa” dirixida por Enrique Otero preestréase esta quinta feira en Cineuropa. Narra a historia de Uxío Funes, un galego da comarca de Quiroga que cumpriu o soño de traballar na Nasa. 

Funes
photo_camera Funes

Con “Funes, o inventor da lúa”, o director Enrique Otero recupera a mítica da figura dos inventores, eses seres con imaxinación ampla, capaces de crear cousas insólitas e que, sen que os estudos científicos sexan condición, son quen de adiantarse ao seu tempo como un aventureiro que se adentra en terras descoñecidas. Desa materia está feito Uxío Funes, o protagonista do novo documental asinado polo director Enrique Otero, autor do filme Crebinsky. 

Natural da comarca de Quiroga onde naceu a comezos do século XX, malia a súa orixe rural, a ciencia e a física eran as teimas de Uxío Funes, o galego que deixou todo para conseguir o seu soño que era traballar na Nasa. Alí inventou o “retilador”, o seu soño e un grande logro que, desde a produción do documental indican como o que “fixo que o Proxecto Apollo fose un éxito”. 

Sen inventiva para negocios

Con guión do propio Enrique Otero e Carlos Santiago e produción de Pulsa Control Z, “Funes, o inventor da lúa” introduce gravacións dos anos sesenta en Estados Unidos, recreacións dos inventos, entrevistas con familiares ou imaxes da NASA co fin de recrear o universo do galego que desde a súa orixe soñaba cos inventos que o aproximaban á lúa. 

O director Enrique Otero buscaba unha historia con forza para o seu documental e atopouna na mítica dos inventores e na figura de Uxío Funes, a quen definen como home imaxinativo, creador e talentoso máis sen moita man esquerda para os negocios. O inventor rematou os seus días de volta ao país e vivindo nunha caravana.

Comentarios