Quinto centenario da saída da expedición Magalhães/Elcano

A historia das navegacións, a debate

Ao abeiro da exposición “Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV-XVII”, instalada no Museo de Pontevedra e comisariada por Ofelia Rey Castelao, continúa o ciclo de parladoiros nos que se tratan a importancia e relevancia que as navegacións tiveron na nosa Historia e na nosa Literatura. 

"Inventio Mundi" é unha mostra que versa sobre Galiza nas viaxes transoceánicas.
photo_camera "Inventio Mundi" é unha mostra que versa sobre Galiza nas viaxes transoceánicas.

Continúa o ciclo de parladoiros nos que se tratan a importancia e relevancia que as navegacións tiveron na nosa Historia e na nosa Literatura, xornadas que naceron a raíz da exposición “Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV-XVII”, unha mostra que lembra o quinto centenario da saída da expedición Magalhães/Elcano

Galiza nas navegacións

O segundo dos parladoiros,“A Galicia navegante na investigación histórica”, terá lugar na cuarta feira, 18 de decembro, ás 19.30 horas, no Museo de Pontevedra. Nel contarán coa participación dos historiadores Pilar Cagiao, José Manuel Vázquez Lijó, Anxo Rodríguez Lemos, baixo a coordinación de Ofelia Rey Castelao, comisaria da exposición. A primeira das mesas, titulada “Galiza navegante no imaxinario literario”, pousou o ollar no ámbito literario e estivo coordinada por Dolores Vilavedra.

Inventio mundi, a exposición

A exposición “Inventio mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XVI-XVII”, é unha mostra que o Museo de Pontevedra acolle até o 14 de xaneiro de 2020 co gallo do quinto centenario da saída da expedición Magalhães/Elcano, a primeira circunnavegación do planeta. “Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV-XVII” recolle “as consecuencias que aquela formidábel viaxe tivo para Galiza”, “unha oportunidade de aproveitar a súa situación nas rutas atlánticas, as vantaxes dos seus portos e a tradición dos seus mariñeiros”. Organizada polo Consello da Cultura Galega e coa colaboración da Xunta de Galiza, a Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, a exposición permanecerá aberta até o día 14 de xaneiro no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra. Máis información sobre a exposición en http://consellodacultura.gal/evento.php?id=200943

Comentarios