A historia da represión fascista a través de obxectos cotiáns

Exposición no Museo do Pobo Galego
Exhum Castroncelos-G 2
photo_camera Os botóns de puño de esmalte do xastre José Rodríguez Silvosa. Foto: ARMH.

Os botóns de puño de esmalte do xastre José Rodríguez Silvosa, asasinado en 1938 e exhumado en Castroncelos (Pobra do Brollón). Unha carta inédita de Rafael Peinó, condenado a morte tras defender a legalidade republicana na Veiga. Libros ilustrados polo pintor Mario Granell no cárcere da Coruña. Con obxectos do cotián e máis alá de semellante densidade histórica confórmase a exposición As pequenas cousas, que se poderá visitar no Museo do Pobo Galego de Compostela entre o sábado 29 de febreiro e o 19 de abril.

A iniciativa xorde do proxecto Mapas de Memoria, da UNED, e para a mostra de Santiago reúne materiais "procedentes de familias de presos e fusilados galegos". Na recolla participaron as agrupacións O Faiado da Memoria e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH). "O obxectivo é explicar as formas culturais na transmisión da memoria, comprender a violencia e o trauma e dignificar as persoas que foron desaparecidas ou silenciadas".

A lembranza das Marías e a recuperación colectiva das súas figuras ou unha fotografía de Sandalio Alonso, socialista alcalde de Boñar (León), que escapou do fascismo no barco Winnipeg detrás dunha das fillas de Elpidio Villaverde, rexedor republicano de Vilagarcía, son achádegos da exposición.

As pequenas cousas está comisariada por Mariano Comino, Jorge Moreno, Alfonso Villalta e Gonzalo Ballesteros coa coordinación técnica de Ana Estévez e David Conde e fai parte da programación da 15ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do museo. "Pequenas cousas que poden parecer insignificantes pero que supoñen a forma exacta na que a memoria puido materializarse", afirma o texto introdutorio, "unha memoria perseguida e silenciada polo franquismo, que tivo que buscar nas beiras da sociedade un espazo onde poder sobrevivir, os espazos habitados de resistencia cotiá e esperanza".

Comentarios