A Historia da Galiza xa ten espazo no Museo do Pobo

O Museo do Pobo inaugurou a súa ampliación, que supón sumar 1.600 metros cadrados á superficie do museo chegando esta até os 2.400 metros. Unha obra que desenvolveu o Consorcio de Santiago con achegas de todas as administracións, e que supuxo un orzamento de 3,2 millóns de euros.
museodopobo
photo_camera Fachada principal do Museo do Pobo Galego. (Foto: Nós Diario)

Na tarde da segunda feira, 1 de marzo, inaugurouse en Compostela a ampliación do Museo do Pobo Galego, unhas obras a cargo do Consorcio de Santiago que estiveron dotadas cunha partida orzamentaria de 3,2 millóns de euros procedentes das administracións estatal, galega e local. 

No acto inaugural participaron o presidente da Xunta, Alberto Núnez Feixoo; o alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo; a xerente do Consocio de Santiago, Belén Hernández; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez e mais o secretario xeral da área, Anxo Lorenzo; e o presidente do Padroado do Museo do Pobo, Justo Beramendi.

A ampliación afecta ao convento e á área sur e estenderá a oferta de contidos do Museo para achegar o público á Historia da Galiza. Agora, o Museo do Pobo conta con 1.600 metros cadrados máis, o que leva a un total de 2.400.

Entre as melloras feitas está a construción dun ascensor de alta capacidade para facilitar a accesibilidade, a rehabilitación da fachada sur e a restauración das cubertas. Tamén se incorporaron novas condicións térmicas, cunha aposta pola xeotermia, mais fíxose un levantamento en 3D do edificio, que servirá para realizar visitas virtuais.

O historiador Justo Beramendi comentou en declaracións a Cadena SER-Santiago que a ampliación, “moi considerábel, vainos permitir facer algo que queremos desde hai 40 anos e que aínda non puidemos facer, as salas da Historia da Galiza”.

O presidente do Padroado do Museo do Pobo afirmou que “durante 2021 inauguraremos as primeiras salas da Historia, que chegan até os suevos, e continuaremos pouco a pouco, como sempre foi este museo”.

Durante a inauturación, o presidente da Xunta, Núñez Feixoo, referiuse ao Museo do Pobo como “unha iniciativa de país”. “Estamos a falar dun espazo vivo, divulgador da nosa historia, da nosa etnografía e da nosa cultura material e inmaterial, para coñecernos e para darnos a coñecer ao resto dos pobos”, explicou Feixoo.

O delegado do Goberno na Galiza, Javier Losada, asistiu en representación do Goberno, que financiou 50% da obra. “Hoxe facemos máis grande o Museo, hoxe facemos máis grande Galiza”, subliñou Losada, quen incidiu na colaboración entre o Goberno español, a Xunta e o Concello para completar estas obras.

Comentarios