A historia da familia Baltar revive en Compostela

Unha exposición lembra os máis de cen anos dunha saga que o escritor Suso de Toro describiu na súa novela 'Un señor elegante'.
Inauguración da exposición no Pazo de Fonseca (Foto: Arxina).
photo_camera Inauguración da exposición no Pazo de Fonseca (Foto: Arxina).

A exposición 'Deber de Baltar. Medicina e Compromiso' trae a Compostela máis de cen anos de historia da casa dos Baltar. Inaugurouse esta sexta feira, e até o 16 de abril, poderá visitarse no Colexio de Fonseca.

O punto de partida para a realización desta mostra foi a obra Un señor elegante do escritor compostelán Suso de Toro.

Nela nárrase a historia do médico-cirurxián Ángel Baltar e os seus descendentes, os cales "tiveron tempo de protexer de modo efectivo figuras principais da nosa cultura e do noso país, como Rosalía de Castro, Murguía e Castelao, ademais de desenvolver brillantes carreiras profesionais", escribe Suso de Toro no catálogo da mostra que tamén profunda nas figuras dos médicos Antonio e Ramón Baltar Domínguez. 

O comisario da exposición, o deseñador, ilustrador e escritor Pepe Barro, explica que "había un interese por parte dun público amplo por coñecer máis aspectos desa historia da familia Baltar que tivera un papel tan significativo na historia da cirurxía e da asistencia social e na promoción e protección da nosa cultura e comprometida co destino e os problemas sociais do seu país e o seu tempo".

Ademais de Barro, participaron no acto inaugural que se desenvolveu esta sexta feira o deputado provincial, Xurxo Couto Rodríguez; o alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo; e o reitor Antonio López. 

Máis de cen anos de historia familiar

A exposición conta con oito capítulos: Padrón, a orixe e primeiros personaxes da saga; a biblioteca, verdadeiro emblema familiar; o Sanatorio Baltar; no Hospital Real; Antonio, o exilio; o compromiso cultural; o compromiso político; e Tanxil, o paraíso familiar. Neles faise un percorrido de pouco máis de cen anos, desde mediados do século XIX até a morte do doutor Ramón Baltar Domínguez en 1982, "e que floreceu nun pequeno triángulo entre Padrón, Pontecesures, Rianxo e Santiago de Compostela", como describe na súa obra o escritor Suso de Toro. 

Promovida polo Concello de Santiago, coa colaboración da USC, a Deputación da Coruña e o Colexio Oficial de Médicos da Coruña,  a exposición poderá ser visitada no Pazo de Fonseca de Compostela de segunda a sexta feira, de 11 a 14 horas e de 17 a 20.30 horas.

Comentarios