Recuperan unha monografía en galego inédita de Antía Cal e Antón Beiras

Historia clandestina da arte

Os rochos, as gabetas, os arquivos particulares, as caixas arrombadas durante o escuro tempo do franquismo aínda ocultan tesouros. Onte, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela, emerxeu un dos máis singulares. Achada na casa da pedagoga Antía Cal e o oftalmólogo Antón Beiras, a monografía O arte e a súa historia, probabelmente datada a finais dos 50, é unha aventura inaudita.
 

Portico_da_Gloria_11-17
photo_camera Pórtico da Gloria. Foto: cedida.

“Na miña opinión, a nosa nai escribiu este libro para min e os meus irmáns”, relatou onte na presentación Antón Beiras Cal, “meu pai leuno e quedou abraiado. Pediulle unha versión en galego e axudoulle coas fotografías. Era un gran fotógrafo”. O volume, reeditado en formato facsimilar por Laiovento, é unha historia da arte con óptica galega e galeguista que empeza nas cavernas e remata a mediados do século XX con Laxeiro e Picasso.

“Está no galego da Xeración Nós, nun galego salvaxe, prenormativo, con Hespaña con h e esas cousas que nos achegan a Roma”, afirmou divertido Beiras Cal. E estruturado a xeito de diálogo coa infancia. “A arte é a sinxeleza. Os teus ollos de neno, aínda non cansos das formas...” arrinca un texto que Xosé Manuel Beiras Torrado, sobriño da autora e autor do limiar, definiu como “exercicio de maiéutica socrática en que o narrador fala co cativo”.

O arte e a súa historia é o produto dunha familia peculiar, de resistentes ao nacional catolicismo, utópicos sen remedio á procura de vías prácticas. Neira Vilas afirmaba que Antía Cal era “unha obra non escrita”, lembrou Valentín García, responsábel de Política Lingüística, institución colaboradora na publicación. Tamén citou Alonso Montero: “Na rúa do Príncipe nos anos 50 só había unha parella que lle falase galego aos seus nenos, a de Antía e Antón”.

Aquela célula galeguista, ilustrada, con simpatías comunistas no caso de Antón Beiras, desprezaba o sistema educativo emanado de 1936. Na súa procura pedagóxica deron en confeccionar este manual, en palabras de Beiras Torrado, exemplo de “humilde heroísmo cívico cultural”, unha obra destinada a ningún lector. Polo menos, no tempo en que foi escrita.

Beiras, que mantivo unha estreita relación cos seus tíos no Vigo dos anos 50 -referiuse a eles como unha “parella simbiótica”-, explicou ante os asistentes á presentación de Compostela as “brillantes intuicións” de Cal e Beiras. “O arte e a súa historia é un libro que ve o mundo desde Galiza e non desde España nin desde ese topus uranus que é o Consello de Europa”, dixo. E que foi redactado por alguén “que non era especialista pero estaba moi informada e, sobre todo, tiña unha gran capacidade de comprensión”.

O século de Xelmírez e “o esplendor absoluto da arte galega, o románico” son, para os autores da monografía, “exemplo da arte mundial”. Eis a perspectiva galega sobre a historia da arte que salientou Beiras, antes de falar de que “a Galiza medieval estaba en sintonía con Europa”. “O Pórtico da Gloria finalizouse en 1188”. Apoiouse no ensaio de Jacques Le Goff Os intelectuais na Idade Media -“o primeiro Renacemento aconteceu dos séculos antes”- e nos traballos de Georges Duby -que situaba no XII o “o primeiro salto cualitativo da economía europea”.

O acto de Couceiro rematou cunha invocación da propia Antía Cal, de 94 anos, ao seu compañeiro, morto hai case 50: “Estou botando en falta a quen falta”.

Comentarios