CERTAME DE ÁLBUM ILUSTRADO

A “historia de amor” entre unha nena e o seu amigo animal conquista o Premio Compostela

A artista maxiar Mariaan Maráy recibiu o galardón pola obra O can de Milu, nun acto que tivo lugar no Pazo de Raxoi e ao que asistiron, entre outros, o alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, e o editor de Kalandraka, Xosé Ballesteros

Mariann Maray Arxina
photo_camera Mariann Máray, durante unha improvisada sinatura de libros logo do acto de entrega de premios (Arxina)

Quen non soñou, sendo un cativo, con ter un canciño de seu? Un amigo para toda a vida, con quen facer falcatruadas, ir de paseo e xogar toda a tarde á volta da escola.

Ese era tamén o anhelo de Milu, unha neniña á que lle gustaban os cans. Todos. Altos, baixos, gordos ou fracos, pequenos ou grandes. Un bo día, Milu atopou abandonado na rúa un bechiño grande e peludo, ao que adoptaría e chamaría Peluso. Pero Peluso non era un can calquera...

Ese é o postulado inicial de O can de Milu, a obra gañadora da XII edición do Premio Compostela de Álbum Ilustrado. Escrito e debuxado pola húngara Mariaan Maráy e traducido por Manuela Rodríguez, a artista maxiar recolleu o premio desenvolvido conxuntamente por Kalandraka e o Departamento de Educación do Concello de Compostela nun acto que tivo lugar no Salón Nobre do Pazo de Raxoi.

O Can de Milu tapaMaráy, que realizou a súa intervención na súa lingua nai, definiu O can de Milu como “unha historia de amor”, e revelou que o libro está baseado nunha noticia real acontecida na China que leu non xornal. Ademais, fixo unha piscadela á editora do volume, sinalando que no seu idioma natal Kalan significa aventura, que é o que viven as protagonistas da súa obra.

O editor e co fundador de Kalandraka, Xosé Ballesteros, destacou a paleta de cores empregada por Mariaan Máray, así como o seu estilo naif, e cualificouna de “herdeira dunha longa estirpe de ilustradores maxiares”.

Instantes despois Ballesteros protagonizaría o momento máis emotivo do evento, emocionándose ao lembrar o desaparecido Xosé Manuel Rodríguez Abella, pedagogo municipal e xefe do Departamento Municipal de Educación, desde o que impulsou xunto con Kalandraka a Campaña de Animación á Lectura e o propio Premio Compostela de Álbum Ilustrado.

Xosé Antonio Sánchez Bugallo tamén se uniu á improvisada “homenaxe” a Rodríguez Abella, nas súas propias palabras. O alcalde de Santiago de Compostela, que foi o encargado de pechar o acto, resaltou a “calidade” do álbum editado por Kalandraka, declarouse “amante dos animais, en especial dos cans” e explicou que sen eles “a nosa vida sería infinitamente máis pobre”.

Comentarios