LOIS GARCÍA CARBALLIDO, ALCALDE DE PONTECESO

"O himno de Galiza debería ter máis presenza en todos os actos institucionais"

Xosé Lois García, alcalde socialista de Ponteceso e presidente da Fundación Eduardo Pondal, fala con Sermos acerca do poeta bergantiñán e de como o seu concello está a vivir o centenario do seu pasamento. 

loisgarcia
photo_camera Xosé Lois García Carballido

- Que está a supoñer para Ponteceso o centenario do Pondal para a vila?

-É imposible entender a obra de Pondal, e nomeadamente o himno galego, 'Queixumes dos pinos', sen coñecer as paisaxes de Ponteceso, que inspiraron o noso poeta. Aínda que facía numerosas visitas á Coruña, onde facía moitas tertulias na Cova Céltica, o sitio onde el se retirou para escribir e que lle inspirou a maioría dos seus poemas foi na desembocadura do río Anllóns, nesa casa que aínda existe, mirando a Cabana de Bergantiños e ao precioso Monte Branco. Entón para nós é importante porque a xente está vindo a Ponteceso por primeira vez a coñecer estas paisaxes que inspiraron o poeta. 

É imposible entender a obra de Pondal, e nomeadamente o himno galego, 'Queixumes dos pinos', sen coñecer as paisaxes de Ponteceso

-Como está a celebrar a vila o Centenario?


-Todo o concello se está a volcar no centenario, sempre guiados pola Fundación Eduardo Pondal, que é unha fundación das máis activas de Galiza. Mesmo nas cidades non existen fundacións coa actividade constante que ten a Fundación Pondal, da que teño o orgullo de ser o presidente. Patroneados pola Fundación, marcámonos facer 100 anos en honra destes 100 anos do seu pasamento. A xente está a vir visitar a rectoral de Cospindo, onde ten sede a fundación, que é un centro interpretación de Pondal e un laboratorio de ideas. Despois todos os anos o Concello ten un servizo de guía gratuíto para todos aqueles grupos que visiten Ponteceso. Chamámoslle o Roteiro Pondaliano, hai unha serie de menhires que se poden ir percorrendo, vendo os distintos poemas e os distintos lugares que se sinalan na mitoloxía que recuperou Pondal. O poeta demostrou que unha lingua do pobo pode ser unha lingua culta. 

-O groso das celebracións está recaendo sobre a Fundación Pondal, vese pouco movemento no resto do país neste centenario. Estades a recibir apoio das institucións galegas?

-Pois eu teño que dicir que a Xunta de Galicia e, sobre todo, a Deputación da Coruña, están colaborando activamente con estes actos. Pero tamén teño que dicir que eu, cando teño ocasión, digo que o himno de Galiza debería ter máis presenza en todos os actos institucionais. Debería cantarse en todos eles, e os rapaces nas escolas tamén nas celebracións. Nós por exemplo esta semana pasada fixemos un acto coa Fundación Once e coa Federación de Xordos e os nenos de varios colexios cantaban. E eu vía que os nenos de Ponteceso si o saben cantar, pero seguramente moitos nenos de Galiza non o saben. Noutras nacións os nenos cantan o himno nada máis empezar a escola todos os días. Eu non digo chegar a tanto, pero si que debería ter moitísima máis presenza. Ademais, é un grande símbolo para todo o que ten que ver coa emigración.

A Fundación Eduardo Pondal é unha das máis activas de Galiza. Mesmo nas cidades non existen fundacións coa actividade constante que ten esta, da que teño o orgullo de ser o presidente.

-Que podemos agardar ao longo do ano deste Centenario? O Festiletras xa pasou e foi un éxito, pero que máis haberá?

-Practicamente todas as semanas hai eventos: recitais de poesía, regueifas, obradoiros... A xente pode vir ver por fóra a casa de Pondal, que é privada, e logo á rectoral ao centro de interpretación de Pondal. Temos un campamento para rapaces, como non hai outro en Galiza, onde os nenos fan teatro, baile e música galega, regueifas, deporte, natureza... Unha serie de actividades sempre arredor da nosa cultura. Esta fundación ademais de promover a figura de Pondal intenta sempre dignificar a cultura galega e demostrar que vivir no rural ten unha riqueza que non se consegue nunha cidade. As cidades desgrazadamente convertéronse en acumulación de cemento e coches. Nós aquí ofrecemos ese sabor auténtico de estar xogando entre os cabazos... para nós é importante non só manter senón dignificar todo o que é a cultura galega. 

-Agora tamén se está a traballar nunha Ruta do Rexurdimento, xunto coas fundacións Rosalía e Curros. Como se pode aproveitar desde o concello todo este potencial que vos achega Pondal?

-Efectivamente temos moitos anos de relación cos amigos de Celanova e Padrón. Estamos traballando nesa colaboración para o "Itinerario do Rexurdimento", que é unha grande ocasión para os nosos concellos, porque é unha especie de bandeira de Galiza de trazo ao revés, que vai de Celanova, pasando por Padrón até chegar a Ponteceso. E temos que pensar que Rosalía, Curros e Pondal marcaron un antes e despois no galego e na súa literatura. 
 

Comentarios