CRÍTICA LITERARIA

As hernias dos eunucos (a propósito de "Philogelos, O amante da risa")

Mario Regueira, o crítico literario de Sermos Galiza, dá conta do Philogelos, traducido por Rinoceronte como O amante da risa. E é que a editorial, na súa liña de recuperación de obras clásicas, vén de editar a colección de chistes máis antiga coñecida.

philogelos
photo_camera Detalle da capa do libro

Persoas da miña familia téñenme contado algunha vez que durante a ditadura existían os chamados “chistes de Franco”, un fenómeno co seu propio ritual particular. Alguén, dentro dun grupo de amizades, anunciábao en voz baixa e todas as persoas escoitaban cunha actitude de sixilo, para acabar con risos contidos e cómplices. Dinme que os chistes de Franco non tiñan graza. Que mesmo resultaban, en moitos casos, completamente incomprensíbeis. Resulta curioso como o fenómeno asombra aínda hoxe a quen participou del. “De que nos riamos?”. Da ditadura, por suposto. O acto non era outra cousa que un elemento de resistencia, unha vulneración momentánea e libertadora do réxime imposto. E nese acto de resistencia non era necesaria unha grande chanza ou unha humillación deliberada ao ditador, chegaba con rir de algo cando estaba prohibido.

O humor depende enormemente deses contextos. É difícil poñer o ollo nas recompilacións editoriais de chistes de hai uns anos sen asombrarse da mestura de candidez e elementos politicamente incorrectos que as inzan. Se cadra por iso, pola súa dependencia dun contexto social e de elementos moi vinculados á transmisión oral, é que estas coleccións nunca conseguiron transcender até un posto de honra no mundo da literatura. Se ás veces é complexo entender o feito social que rodea outras obras, a dependencia desa forma narrativa curta e humorística da sociedade que a produce é absolutamente determinante. E porén, as recompilacións, como as anécdotas en si, parecen tan vellas como a propia humanidade.

Rinoceronte, na súa liña de recuperación de obras clásicas vén de editar a colección de chistes máis antiga coñecida

Rinoceronte, na súa liña de recuperación de obras clásicas vén de editar a colección de chistes máis antiga coñecida. O Philogelos, título traducido como O amante da risa, foi orixinado, segundo parece, nos arredores do século IV despois da Era Común. Aparece asinado por Hieracles e Philagrios, aínda que sabemos que se trataría de simples recompiladores dunha práctica oral, achegándose moito á inauguración dun xénero que, como dixemos, non gozou nunca dun gran recoñecemento literario, e porén probabelmente si tivo unha gran popularidade persistente no tempo. Aínda que só conservásemos esta, composta por 265 chistes, parece probábel a existencia doutras coleccións. Por outra parte as poucas pero moi relevantes marcas temporais que aparecen no texto falan dun arco temporal de, cando menos, século e medio, e probabelmente maior.

Mergullarse no Philogelos supón, por tanto, loitar contra a poderosa corrente da perda do contexto social e cultural. As supostas referencias a persoas do mundo político que algúns estudos teñen apuntado son un ángulo cego para calquera persoa leiga nun coñecemento minucioso do mundo clásico. Non é a única cuestión. Seguramente ningún de nós pode enunciar a curiosa relación dos eunucos coas hernias, resúltanos estraño pensar que as leitugas poidan ser afrodisíacas e é difícil que nos resulte cómica unha forma da pena de morte e tortura como a crucifixión, asociada ademais nos nosos días a elementos relixiosos. Nunca pensamos que os habitantes de Abdera tivesen fama de idiotas ou os de Sidón de pailáns. Mal saberíamos situar nun mapa o lugar onde Abdera e Sidón se atopan.

O chiste clásico é moi similar ao contemporáneo

A pesar diso hai algo de Philogelos que consegue sobrevivir tras máis de milenio e medio e non será estraño que asome un sorriso durante a súa lectura. O chiste clásico é moi similar ao contemporáneo. Coma este, nútrese dunha serie de tópicos e personaxes recorrentes. Paspáns, nugalláns, avarentos ou borrachos caen en gracias que moitas veces atopan continuidade cos nosos días. Noutras ocasións, até lembran certas anécdotas populares de orixe rural, como o home que, indo mercar un cabalo a un paspán pregúntalle se xa botou os dentes. “Dúas veces, meu señor, unha vez botoumos a min e o outro día botoullos a meu pai”.

Da mesma forma, elementos que a día de hoxe comezan a resultar politicamente incorrectos aparecen xa, case nos mesmo termos, no Philogelos. A misoxinia e os tópicos das relacións entre as parellas heterosexuais, por exemplo, que asoman en dúas das seccións temáticas nas que está dividida a obra. Unha dedicada a mulleres libertinas, con só dúas piadas, pero na que aparecen as vellas verdes tan frecuentes nas anécdotas galegas. Outra, dedicada aos misóxinos, recolle unha que aínda pode escoitarse, a do home que enterra á súa muller e ao que un amigo lle di “pensa que pasou a mellor vida”. “Pasei eu, que me librei dela”, responde. Persistencias que chegan a marabillar, pois hai xente que segue exercendo un machismo que ten máis de mil anos de existencia.

O chiste, como todo elemento da literatura popular baseado na oralidade, pode ser moi dependente das habilidades de quen o conte

Outros elementos destacan, como comentamos, pola súa simpleza ou pola inocencia. Brincadeiras ás que achamos a graza, pero que dificilmente nos atreveríamos a reproducir en público. Ou si, cómicos contemporáneos como o británico Jim Bowen atrevéronse a facer un espectáculo baseado no Philogelos cun éxito relativo. Naturalmente porque o chiste, como todo elemento da literatura popular baseado na oralidade, pode ser moi dependente das habilidades de quen o conte. Nese sentido, esta versión, traducida ao galego por Margarita Seara e Óscar Soto, pode pecar precisamente do contrario: ser excesivamente filolóxica, xogar moi pouco coas formas contemporáneas da oralidade, ás que sacrifica para ofrecer unha versión o máis achegada posíbel á letra escrita do orixinal, apuntando os xogos de palabras intraducíbeis cando estes nos colocan nunha calella sen saída. Un demérito que pode ser unha virtude e que vai parella ao estudo e comentarios que contextualizan a obra, fundamental para entendela. E en calquera caso, unha renuncia á perspectiva oral que calquera persoa con habilidades para contar pode suplir. Por exemplo, comezando con algo do tipo “Sabes aquel do camiñante que atopa a un de Sidón e dille: - Préstame un coitelo até Esmirna”. E o de Sidón contesta: “Coitelo tan longo que chegue até aló non lle teño”.

Comentarios