Heredeiros da Crus afronta a súa xira "angústica"

Javier Maneiro, Antonio Novo, Francisco Velo, Manu Rey e Tonhito de Poi son os Heredeiros da Crus. Despois da situación "angustiosa" vivida na pandemia, a banda reinventa os seus temas en estilo acústico para unha xira en 2021 "angústica". De Poi conta os detalles deste espectáculo ao 'Nós Diario'.
Heredeiros da Crus (Foto: S. Blanco)
photo_camera Heredeiros da Crus nunha imaxe promocional. (Foto: S. Blanco)

Após sacar un novo traballo titulado Derretidos, en 2019, a pandemia causada pola Covid-19 "fulminou por completo" a xira de presentación que os Heredeiros da Crus tiñan "programada para o ano 2020", explica un dos  guitarrista do grupo, Tonhito de Poi, en conversa con Nós Diario

Doce concertos que "xa tiñamos pechados con diferentes organizacións, en lugares tan interesantes para nós como a Romeria Vikinga de Catoira ou a Festa do Marisco do Grove,  dun día para o outro, todo cancelado", conta de Poi. 

Aproveitando a situación na que os concertos teñen que ser co público sentado, "e como sempre quixemos realizar algo así", os Heredeiros da Crus renovan o seu espectáculo para realizar este ano unha "Xira angústica", xogando cos termos acústico e "angustiosa, como a situación que estamos a pasar", comenta de Poi. 

"Malia o que a xente poida pensar, por ser un formato acústico, estamos tan entregados a el que podemos asegurar que ten alma, mais tamén ten moito lume", expón o guitarrista. 

O repertorio componse de "temas de toda a vida e algúns do novo disco pasados a acústico", indica. Conta coa colaboración de Manu Conde, "un portento que ten algún premio Mestre Mateo en bandas sonoras e que nos axudou a conseguir ese aire distinto ás cancións e melloralas", destaca de Poi. 

Grandes éxitos mellorados

Entre a "exposición completa dos grandes éxitos da discografía do Heredeiros" en versión acústica, o guitarrista destaca diversas cancións. 

Composicións como "Amor de barra" ou o clásico "Churras, churras" quedaron "sublimes e espectaculares", cualifica. Sobre o último comenta que "a xente quere escoitar o de sempre, mais cunha sorpresa, e este tema vai ser toda unha revolución". 

Ademais, temas como "Non quero nada de ti" ou o "Fillo de José" teñen unha "dimensión distinta e tremenda"

Outro aspecto que sufrirá unha adaptación polos protocolos sanitarios, "xa que non podemos sulfatar a xente como viñamos facendo nos concertos", é a "homilía terá o seu repertorio eucarístico propio para a ocasión", adianta de Poi. A todo isto sumaráselle "unha sorpresa espectacular coa cal a xente vai 'flipar', non se pode dicir aínda cal, pero nos estamos entusiasmados con todo o que se vai realizar nesta 'Xira angústica'", relata emocionado o músico da "sachadora rítmica" dos Heredeiros da Crus.

A volta aos escenarios despois da pandemia con este novo formato "supón un gran reto para nós", asevera de Poi. "Viñamos dun espectáculo con moita caña, onde a enerxía está arriba e, malia que nos esforcemos moito para non cometer ningún erro, sempre se pode escapar algún acorde e o contexto fai que non se note moito. Neste formato acústico, a xente estará sentada e prestando moitísima máis atención ao que tocamos e cantando, por iso levamos varios meses traballando arreo nisto", expresa. 

Isto fai que "para nós sexa moi interesante presentar este espectáculo e ver como o público reacciona". 

Un maior reto

O traballo "ao milímetro" que lle está a requirir este espectáculo fai que "non poidamos centrarnos noutra cousa, por iso non temos ningún tema novo, salvo os do último disco, a presentar", explica de Poi. "A preparación está sendo moi esixente, tendo ensaios de mañás e tardes  preparando todo, non só a nivel musical, senón tamén o 'lume' que queremos que sempre teñan os concertos dos Heredeiros da Crus", sinala. Hai tan só uns días a banda anunciaba nas súas redes sociais esta nova xira "que deixou a medias a presentación de Derretidos", na que xa teñen catro datas confirmadas: 17 de xullo en Bueu e 30 de xullo en Rodeiro, o 9 de xullo e o 27 de agosto tamén actuarán, pero aínda non están publicadas as localizacións. "E moitas máis por confirmar", aseveran nas redes.

A un ano de facer os 30

Despois de separarse en 2005 e volver en 2012, cando se cumprían 20 anos do nacemento da  banda, os Heredeiros da Crus presentaron dous novos traballos, Jard rock con fe (2013) e Derretidos (2019). A un ano de cumprir os 30 anos de fundación, de Poi non quere adiantar nada. "Estamos moi centrados neste ano", indica na conversa con este medio. 

Os de Ribeira evolucionan coa pandemia para "facer algo que nos apetecía moito, que era tocar en acústico, mais nunca dábamos atopado o momento adecuado, por iso quixemos aproveitar esta ocasión e reinventarnos a nós mesmos", conclúe Tonhito de Poi.

Comentarios