Remata a V edición do festival de danza compostelán

HerDanza reaviva o “berro” da cultura polo seu “dereito a existir”

O encontro de estilos e de persoas. O apoio mutuo. A opresión. O simulacro. A liberación. A volta ao esencial. Son algúns dos temas que percorreu a V edición do festival de danza na rúa HerDanza, organizado polos colectivos Cisma e Can Cun Quinqué.

Bernarda Cara de Leopada
photo_camera Instante na obra 'Bernarda Cara de Leopada'. (Foto:: Sabela Sanromán)

A voz de Mercedes Peón anuncia sempre un acontecemento. Algo potente, difícil de esquecer. E así foi tamén en HerDanza. Para chegar ao lugar axeitado, só había que deixarse levar pola música no compostelán parque de Bonaval. Alí voaba coa súa saia Daniel Rodríguez no seu Conxuro, a primeira das pezas da quinta edición deste festival de danza na rúa promovido por Isabel Sánchez, Xiana Vilas e Leodan Rodríguez.

Conxuro é o rito. San Xoán. A conexión do terreal co espiritual. Pura enerxía. Forza. Lume. A peza trata de esconxurar a dor da perda dun amigo de Daniel Rodríguez que foi tamén o seu mestre de danza tradicional. E está formulada como un encontro, un diálogo entre o folclore e a danza contemporánea. Moitas das outras pezas que puideron verse no HerDanza sitúanse nese mesmo lugar: a fusión, a mestura. Territorios híbridos. Libres. Dinámicos.

HerDanza incluíu tamén unha residencia de creación no CGAC de Mikel Aristegui, que creou Ouveo

Varias das pezas exploraron, tamén, o encontro. Mais non só de estilos. Senón de inquedanzas. De emocións. Así foi en Descansa en min, de Abdiel Vargas e Yaimelys Robaina. Na vida confiamos noutras persoas. “Precisamos un apoio, que pode ser tamén un obxecto”, explica Vargas. Nesta obra, un corpo póusase sobre o outro e acouga. Vargas e Robaina son dous bailaríns de orixe cubana. HerDanza volveu xuntar, este ano, profesionais da danza galegos -parte deles emigrados- con outros que viñeron de fóra e escolleron Galiza para vivir.

Marta e Remedios Cuba partiron, para a súa peza, do concepto de círculo. Ciclo. Alento vital en continuo movemento. Infinito. “É o ciclo permanente da vida, entre a luz e a escuridade”, sinala Marta Cuba. A parte positiva e a negativa. Dous corpos que se intúen, explorándose, nun movemento lento. Até descubrírense a aceptarse, integrando o lado oposto e podendo, despois, camiñar de xeito sincronizado e máis activo, en paralelo.

O encontro

Un intercambio de roupa simboliza ese encontro. Dous corpos que conseguen entrelazarse. O mesmo ca noutra das pezas do HerDanza deste ano: Dous nunha, de Cía Mai: Lara Munín e Raquel Romero. Dous corpos que, na primeira parte da peza, son un para despois voltar á súa individualidade sen esquecer o entendemento. Do movemento pausado ás dinámicas enérxicas. Nunha coreografía executada con delicadeza e precisión. “Partimos da imaxe do fénix. Un só ser que se vai reconstruíndo de partes”, salienta Lara Munín.

Desde unha estética moi diferente, abeirada ao xogo, Milagros Bordones e Carlos Jesús García -bailaríns de orixe venezolana- propuxeron unha volta ao esencial en O Aleph, peza montada a partir dun fragmento da obra de José Luis Borges. Sendo o Aleph o principio, o mapa desde o que ollar o universo e as relacións humanas desde o primordial. “O esencial é o sol, a auga, o ceo…”, di Bordones. Imaxes do contrario do artificial.

Unha chamada polo esencial, fronte ao simulacro, realizou tamén Xián Martínez en Príncipe do vinteún. XXI séculos para seguir agochando, nas redes sociais, o que somos. “A peza” -de notábel calidade técnica- “partiu dunha anterior sobre ese falso optimismo ao que estamos obrigados. Na peza creada para HerDanza baseeime, no xestual, na linguaxe dos influencers, youtubers, nas poses das fotos das redes sociais. Na primeira parte está esa falsa realidade. Na segunda, o abandono desas imposicións”, subliña Martínez, que traballa neste momento no País Vasco.

A vida real

Clara Ferrao e Leodán Rodríguez convertéronse tamén en autómatas, avatares dun mundo virtual en perpetua competición en Solodados. Dous corpos que loitan solitarios, sen saber un do outro, nun campo de batalla ermo. Sempre adestrando. Primeiro a bicicleta. Despois as artes marciais. E máis tarde a descuberta do outro, o encontro nunha vida real posíbel que permite un movemento acompasado, liberado, fluído.

A liberación despois da opresión foi tamén o que suxeriu Bernarda, cara de Leoparda, do colectivo Waacking do Fiandón, peza de danza-teatro feita co apoio textual de anacos de A casa de Bernarda Alba de Lorca. “O waacking é un estilo de baile libre, xurdido nos anos 70 na comunidade LGBT. O que nós propoñemos é a liberación desas personaxes femininas de Lorca que viven oprimidas, na escuridade. Nós sacámolas dese espazo para poñelas a bailar a tope…”, explica Julia Laport.

HerDanza incluíu tamén unha residencia de creación no CGAC de Mikel Aristegui, que creou Ouveo, un “berro”, tal como el mesmo a definiu, polo dereito a existir dos artistas, cun texto lido por Miguel Pernas que fala, tamén, de aproveitar a actual crise para a volta ao esencial, para a reflexión “sobre o que somos e en que nos convertemos”.  O festival acolleu, por último, a presentación do libro O público está aquí, de Sabela Mendoza e Gena Baamonde e un debate entre Fran Sieira e Jaime Pablo Díaz.

Comentarios