luns 18/01/21
Henrique Harguindey, tradutor literario

Henrique Harguindey: "Cyrano viaxaba a outro mundo para desde alí reflectir a contra deste"

Henrique Harguindey leva máis de 40 anos dedicado á tradución, labor na que adoita preferir obras de autores marcados polo estilo crítico ou o satírico. Agora trae, na colección "Vétera" de Rinoceronte Edicións, a obra de Cyrano de Bergerac 'Os Estados e Imperios do Sol', sobre a que conversa con 'Nós Diario'.
O catedrático de francés de Bacharelato, Henrique Harguindey. (Foto: Nós Diario)
O catedrático de francés de Bacharelato, Henrique Harguindey. (Foto: Nós Diario)

Que nos pode contar de Os Estados e Imperios do Sol, de Cyrano de Bergerac? Porque non é a primeira vez que traduce este autor...
Traducín anteriormente a que se considera a primeira parte de Os Estados e Imperios do Sol, que é Os Estados e Imperios da Lúa. As dúas son obras publicadas de modo póstumo e, así como na primeira obra houbera unha versión que circulara pero que se atopou moito despois, a finais do século XIX achouse un manuscrito que non correspondía exactamente co que fora publicado postumamente. Por que? Porque fora censurada e suavizada en todos os ataques que dirixía, moi ironicamente, contra o poder, contra a Igrexa...

Hoxe podemos ter unha idea moito máis aproximada de como escribiu realmente Cyrano. En cambio coa segunda parte non houbo ningunha outra versión, só temos a publicada e non hai unha referencia distinta. Entre as dúas obras hai certa analoxía, por iso se considera a segunda parte, pero non só son dous territorios distintos, a Lúa e o Sol, senón que tamén hai diferenzas importantes de estilo: mentres a primeira é unha exposición de teorías físicas e filosóficas, a do Sol é unha historia máis alegórica e moito máis traballada desde o punto de vista estilístico. 

A pesar das desaparicións e das diferenzas entre as obras, non hai dúbidas da autoría...
Está certificada a autoría, por suposto. Antes sabíase que escribira unha viaxe á Lúa pero só había unha idea aproximada. Houbo unha cuestión un pouco rechamante. Cyrano, no século XVII, quedou un pouco na memoria e coñecíanse algunhas outras obras, estas non. El é barroco, non só para o estilo, que o é, e ás veces moi complicado, senón tamén polo tipo de temáticas, son obras de enxeño, de construción literaria moi determinada, moi cargadas de estilo. A finais do XIX Edmond Rostand escribe unha obra de teatro que é Cyrano de Bergerac e que é a que fixo coñecer en todo o mundo o autor. Temos até as versións cinematográficas. Esa é a imaxe transmitida, pero aí hai parte de verdade e parte de literatura, de creación.

Rostand fixo unha obra de teatro magnífica, non unha obra biográfica, senón que a personaxe aparece, en certos aspectos, deturpada, primeiro porque é unha personaxe literaria e segundo porque naquela época aínda non se coñecían moitas cousas de Cyrano. Mais o que se nos transmitiu tivo, se se quere, unha pequena carga negativa porque non era o Cyrano auténtico, pero ao mesmo tempo posuíu a virtude de espallar moitísimo e grandemente a biografía de Cyrano, de maneira que se hoxe podemos falar de moitas cousas é grazas á obra de Rostand.

Volvendo á obra, estamos a falar de ciencia ficción?
Cyrano, durante moito tempo e aínda agora, é considerado precursor da ciencia ficción. El realmente non escribiu como tal, aínda que hai ficción e tamén hai ciencia, porque manexa realidade científica, o que pasa é que se trata dunha crítica social e política. Viaxaba a outro mundo para reflectir a contra deste, cousas que aparecían alí, moi chocantes, como podía ser a negación da existencia de Deus... era posíbel escribilas porque o facía alí e en personaxes que logo, ademais, trataba de desmentir ou aparecían como tolas, pero saían, que é o importante. Había personaxes que defendían verdades que se se defendían directamente supuñan a fogueira.

Fala de que é un autor barroco, foi difícil a súa tradución?
O estilo de Cyrano é difícil porque tes o risco incluso de perderte en parágrafos de 14 liñas, que incluso perdes o fío condutor. Naturalmente o que non podes é adaptar aquí o estilo de Cyrano nin os seus parágrafos. Podes ao mellor puntuar un pouco máis coidadosamente, para o lectorado de hoxe, para non alterar en absoluto. O tradutor debe facilitar a lectura a un consumidor de agora, estamos a falar de catro séculos despois, con outros hábitos lectores... Pero debe de respectar o máis escrupulosamente que poida o estilo e a literalidade do autor.

Para vostede que é o máis valioso de Cyrano e desta obra?
Nos dous casos o sentido crítico, que segue unha máxima que el tiña, porque nunca se negaba a admitir a posibilidade, dicía: “e logo por que non?”. Admitía toda posibilidade de demostración e de debate crítico. Esa é a característica de Cyrano. Ademais dunha grande imaxinación e aquí coinciden os aspectos da fantasía, do estilo e do sentido crítico, ademais do avance dos coñecementos, estaba moi ao tanto dos descubrimentos astronómicos da súa época, en certo sentido tamén divulgaba a realidade científica do mundo.

comentarios