Unha nova tipoloxía arquitectónica galega da Idade de Bronce pendente de explicación

Os 'henges' galegos da Idade de Bronce

A Roda en Barreiros, Cornado en Arzúa, Outeiro Redondo en Castrelo de Miño ou Ventosiños en Coeses de Lugo non son máis que catro exemplos de 48 de recintos circulares da Idade de Bronce actualmente localizados na Galiza. Porén, non deixan de medrar as descubertas de construcións desta tipoloxía no país.

Vista área do recinto circular da Roda en Barreiros, o primeiro xacemento deste tipo achado na Galiza. (Foto: Deputación de Lugo)
photo_camera Vista área do recinto circular da Roda en Barreiros, o primeiro xacemento deste tipo achado na Galiza. (Foto: Deputación de Lugo)

O estudo dos recintos circulares na Galiza deu unha volta en 2006 coa descuberta da Roda en Barreiros. Malia que autores do século XIX como Manuel Murguía, Benito Vicetto, José Villamil e Castro ou Federico Maciñeira tiñan documentado nos seus traballos círculos líticos, os xacementos aparecidos nos últimos 15 anos son dunha tipoloxía diferente. Neste sentido, a aparición dunha construción circular en Barreiros mentres se realizaban as obras de desmonte da autovía do Cantábrico mudou as cousas.

A Roda, unha formación arquitectónica de perto de 50 metros de diámetro limitada por un foxo de entre tres e catro metros de diámetro e un de profundidade, cun círculo formado por dous muros, que articula un parapeto con máis tres metros no seu punto máis elevado, foi considerado no seu momento como unha edificación singular, catalogándoa no primeiro momento os técnicos da Xunta da Galiza como un castro. A sorpresa inicial deu paso a achádeos similares en Coeses, Lugo.

O seu descoñecemento e a falla de atención polos historiadores non ten unha explicación definitiva. A este respecto o arqueólogo Luís Cordeiro sinala a Nós Diario que "pode deberse a que a maioría son xacementos moi pouco visíbeis, que non están asociados a lendas da tradición oral e non fan parte do patrimonio inmaterial". Neste sentido, non descarta que a medida que avancen as investigacións esta segunda hipótese sexa descartada.

48 recintos circulares no territorio galego

O número de recintos circulares na Galiza xa chega a 48. Segundo explica Luís Cordeiro, que prepara coa profesora Pilar Prieto unha publicación sobre este tipo de xacementos, "actualmente temos achado 48 construcións situadas en lugares moi diferentes e ao longo de toda a xeografía galega".

 Aínda así, Cordeiro destaca que "están case sempre localizados en zonas intermedias, próximos a rupturas de pendentes e que se van adaptando ao terreo". Moitas veces están na ladeira, como Monte Buxel (Redondela), co terreo en pendente. E, como sinala Pilar Prieto, parecen localizacións invisíbeis na paisaxe".

"Temos atopado sobre 19 que aparecen vinculados aos cursos fluviais dos ríos Miño e Sil e aos seus afluentes Narla e Lor", continúa Cordeiro en declracións a Nós Diario, quen significa que "na Galiza central, no Deza, están localizados arredor de seis e despois hai algúns outros dispersos por outras zonas do país, como Redondela, as comarcas de Ourense ou o Barbanza, aínda que as diferenzas por provincias poden ser artificiosas". A este respecto, advirte das dificultades para localizar estes xacementos e de diferentes resultados en función dos solos.

Cordeiro destaca a súa proximidade a campos de mámoas. "En Portomarín está moi perto de mámoas, e en Coto Grande tamén ten visibilidade sobre un campo de mámoas. Pero temos que ter moita cautela porque se cadra pertenzan a períodos diferentes e non sabemos moi ben como se relacionan", apunta Cordeiro, que indica que "nalgúns casos como Cornado (Arzúa) ou Ventosiños (Lugo) atópanse na proximidade de castros".

'Henges' que non son 'henges' 

Os recintos circulares galegos foron asociados nun primeiro momento cos 'henges' das illas británicas. A este respecto, Cordeiro afirma que o termo "foi usado ao principio polos escavadores da Roda de Barreiros porque era o tipo de monumento máis axeitado, pero os 'henges' británicos comezan no Neolítico e chegan até aproximadamente o ano 1500 AC. Os círculos galegos semellan ser posteriores, de finais da Idade do Bronce, nun período que podería ir entre o 1600 e o 900 AC". Porén, non dúbida en afirmar que "a cousa máis semellante aos recintos circulares galegos son os 'henges'.

Cordeiro non se atreve a aventurar unha orixe para este tipo de edificacións. Iso si, afirma que "aínda que hai algúns recintos na Meseta, non coñecemos nada exactamente similar na Península Ibérica". Porén, considera que "temos unha paisaxe monumental que nos fai revisar o termo castro e a medida que se vaian analizando teremos indicios deste mundo diferente".

"Poderiamos falar dunha paisaxe sacra de finais da Idade do Bronce, da que iremos sabendo máis a medida que se vaia escavando e confirmando. Fálase en efecto de foxos nalgúns deles e no caso da Roda de Barreiros infórmase dunhas pedras deitadas no seu interior tipo menhir, alí dispostas", continúa Cordeiro, que afirma que están "vinculando estes xacementos a unha función ritual".

O enigma aínda está por aclarar

Os estudos sobre os recintos circulares na Galiza da Idade de Bronce están nunha fase embrionaria. Luís Cordeiro sinala que "aínda estamos en cueiros sobre os mesmos" e non descarta novas explicacións en función dos estudos arqueolóxicos e dá por feito a aparición de novos xacementos.

Comentarios