CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Helloween: "My God-Given Right"

Parece que foi onte, mais hai xa trinta anos que os xermanos Helloween lanzaran o seu primeiro traballo, un EP que apuntaba a que estaban destinados a facer grandes cousas no mundo do metal. Hoxe, tras varios trocos na formación e a piques de tocar na Coruña o vindeiro sábado 13 xunto a  Over Kill, Angelus Apátrida e Lord of Black, chegan co seu novo traballo: “My God-Given Right”.

Helloween-PressPhoto1


Collín con cautela a escoita deste álbum por tratarse dunha das bandas coas que medrei e na parte negativa, porque os últimos traballos, especialmente “7-sinners” foron bastante decepcionantes, aínda que “Straight Out of Hell” parecía amosar certa posibilidade de redención.  Consciente de que Andi Deris non é Michael Kiske e que a época dos “Keepers” non volverá, podo dicir de primeiras que nos atopamos ante un disco correcto,  que se alonxa cada vez máis do seu estilo de Power Metal Melódico para achegarse a un Heavy Metal máis clásico, cunhas composicións máis axeitadas á capacidade vocal de Deris, o cal é de agradecer, pero cuns altibaixos que fai preguntarse se non sería mellor que sacaran un EP en vez dun Lp.

O feito de que “Heroes” sexa o tema de apertura deixa moito que desexar, pois non é precisamente un dos mellores temas do disco, se non todo o contrario, un tema plano, simple e previsíbel, que na procura de escuridade. Todo o contrario a “Battle's won”, un tema ao máis puro estilo Helloween, tanto no compositivo, como no son. Unha volta ao power, ás guitarras dobradas e uns coros que levan o sinal de identidade de Helloween. 

“My God-Given Right”, é o tema escollido para facer o video-clip, no que é destacábel a voz rasgada e grave de Deris, coa que se sinte cómodo e natural ofrecendo unha das mellores interpretacións de todo o disco, toda un chamamento aos mellores Helloween dos 90.  Nada que ver con Stay Crazy, un tema feito adrede para o directo, cun retrouso pegadizo baseado nun “canon” que está chamado a dar moito na interacción co público.

Ao chegar ao “Lost in America”, dubidei por un intre se Kai Hansen volvera á banda ou estaba a escoitar un disco de Gamma Ray. Un temazo que lembra a que para min foi a mellor época da banda e que recende a clásico por tódolos recunchos. Mais un volve ao presente con “Russian Roulé”,  un tema metaleiro e festeiro, no que no retrouso notas unhas melodías moi coñecidas para os que eramos fans do “Tetris” e que tamén está chamado a funcionar moi ben directo.

“The Swing of a Fallen World”, é moi probábel que non a volva a escoitar na miña vida por propio gusto. Un tema denso, pesado que se fai eterno. Un experimento fallo que ben podería ter ficado fora do disco. E seguir no disco con “Like Everybody Else”, unha balada que está fora de lugar. Introducir estes dous temas no medio do álbum, onde tería que estar un dos puntos álxidos en vez dun val que parece non ver o fondo, dan ganas de sacar o disco do lector, pero por sorte temos o botón de avance para chegar “Creatures in Heaven”, un tema que parece sacado do “Better Than Raw”, cun estilo moi marcado dos Hellowen da segunda metade dos 90.

“If God Loves Rock 'n' Roll” e outro dos meus temas favoritos do disco, divertido e desenfadado, cunha melodía e uns riffs pegadizos feitos para mover os pes e as guedellas,  como facía a banda na época durada de finais dos 80 que da paso ao “Living On The Edge”, un tema máis metaleiro na nova onda dos xermanos. Aínda que non é un mal tema, é un tema bastante previsíbel a pesares dos cambios de tempo e cuxa efectividade está sustentada polo retrouso.  Todo o contrario de “Claws”, un tema moi speed metal, salvaxe e duro no que Deris espreme ao límite a súa capacidade vocal, especialmente no retrouso cuns agudos aos que non nos ten acostumados e non están dentro do seu rango vocal habitual. Veremos como defende o tema en directo, eu non o teño moi claro. Tampouco teño claro que deberan introducir no disco “You, Still of War”, o tema de peche. Tras varias escoitas cústalle moito entrar, debido en parte a súa  complexidade, e tamén porque se afasta moito do que a banda nos ten acostumados.

Non podía rematar sen facer unha mención especial ao deseño da portada. Unha versión do Planeta dos Simios, nun mundo de xeo e coas cabazas da banda como protagonistas nun exército robótico.  Unha portada que agocha un contido irregular pero que seguro que xerará opinións moi dispares entre vellos e novos fans. Se tedes oportunidade, non deixedes de ir velos o vindeiro día 13 na Coruña,  seguro que non vos arrepentiredes.

Helloween na rede:

Web: www.helloween.org

Facebook: https://www.facebook.com/helloweenofficial

Twitter: @helloweenorg

Listaxe de Temas

1. Heroes
2. Battle's Won
3. My God-Given Right
4. Stay Crazy
5. Lost in America
6. Russian Roulé
7. The Swing of a Fallen World
8. Like Everybody Else
9. Creatures in Heaven
10. If God Loves Rock 'n' Roll
11. Living on the Edge
12. Claws
13. You, Still of War 

Comentarios