A UE COMO PROBLEMA, LIBRO DA FGS

Héctor López: “A UE é unha centrifugadora da soberanía"

O avogado Héctor López de Castro é un dos autores do volume colectivo A UE como problema. Reflexións desde Galiza editado pola Fundación Galiza Sempre. 

Héctor López de Castro
photo_camera Héctor López de Castro

Héctor López de Castro presenta canda Alba Nogueira, Edelmiro López Iglesias, Mª Carme García Negro e a vicepresidenta da Fundación Galiza Sempre Ana Luísa Bouza o libro A UE como problema. Reflexións desde Galiza, que naceu na xornada celebrada en Pontevedra. O acto terá lugar esta terza feira ás 19.30 horas na Biblioteca Ánxel Casal. 

-Desde o nacionalismo galego, séguese a manter a tese de que a UE é un problema?

Desde o nacionalismo e non só. A crítica que o nacionalismo fixo á UE está a ser asumida desde os propios estados. Esa perda de soberanía obsérvase tamén en estados nacionais da Europa, desde Francia ou mesmo desde España. Estase a romper o consenso que había sobre o significado da UE que supuña a crenza de que o proceso de integración supuña un camiño cara a prosperidade sen límites. Nin os máis defensores da UE poden manter xa ese argumento. De ser como un maná pasa a se converter nunha instancia á que se lle poden botar as culpas. Por exemplo, a ningún partido do Estado Español se lle ocorreu eliminar a revisión das pensións con respecto do IPC, vén da Unión Europea e asúmese como un fatalismo que hai que aceptar, mais é unha decisión que nin se propuxo nin se votou. A UE é unha centrifugadora da soberanía e esa perda tamén se observa nos estados nación. 

"A crítica que o nacionalismo fixo á UE está a ser asumida desde os propios estados"

-Mais pedir o voto para o Non foi unha posición minoritaria...

Foi minoritaria mais hoxendía as posicións críticas coa UE son máis amplas. O nacionalismo galego sempre tivo unha visión crítica, cos tres tratados que definen a arquitectura europea e tamén no campo económico. Co paso do ano, aqueles argumentos que se empregaban fóronse confirmando. 

-Cara á onde pode levar esa crítica que medra? Pode facer tremer os cimentos da UE?

A UE é un proxecto moi vertical e é alí onde menos se nota a convulsión. Está resgardado dos debates sociais e das mobilizacións políticas. Digamos que pode chegar unha reacción en cadea se os partidos que tradicionalmente defendían ese modelo sofren nas eleccións. O resultado das eleccións europeas, poño por caso, tivo repercusións no Banco Central. Cando se ve que o resultado é preocupante, baixan os tipos de interese, un dos seus piares básicos. A reacción existe mais non é unha Bastilla que se poda tomar. Está moi lonxe e o sistema é moi sofisticado. A distancia e a falta de democracia á hora de tomar decisións nótase tamén en como chegan as críticas e a rebeldía o respecto. Onde si se aprezan é nos procesos abaixo. No Reino Unido fálase mesmo de facer un referendo sobre a continuidade da Unión Europea. Iso si sería unha reacción directa. A UE é unha unión de estados e cando cae unha carta no castelo de naipes as consecuencias son imprevisíbeis. 

-O que se definiu naquel entón, na constitución da UE, como catastrofismo do nacionalismo, pasados os anos podemos dicir que tiña razón de ser?

Nun momento dado, a integración presentouse como ser ou non ser, sen alternativa. Logo observouse, por exemplo, que os cartos do Feder estaban condicionados a aceptar un modelo económico que levou á destrución completa do sector agrario galego, o que se ve no PIB actual con respecto ao que tiña no 1986. A chuvia de millóns servía tamén para pagar churrasquerías e viña dado porque o modelo estaba definido. O sistema de produción e gandería que se buscaba era o das grandes explotacións, cunha cota que fixo que os gandeiros se endebedasen como un sacrificio que se entendía que había que facer. Hoxe todo o mundo coincide que as negociacións en materia de agricultura non estiveron ben feitas e foron contrarias aos nosos intereses como país. As consecuencias para o sector primario mais tamén para o industrial foron catastróficas. Só nos deixaron o turismo, un sector que é moi débil en situacións de crise como a de agora. Consecuencias demoledoras e catastróficas. 

"O resultado das eleccións europeas tivo repercusións no Banco Central. Cando se ve que o resultado é preocupante, baixan os tipos de interese"

-Galiza é entón máis débil hoxe que nos anos oitenta?

É, porque a estrutura industrial que tiña naquel momento non a ten agora, de maneira clara en sectores como a construción naval ou a pesca. O desmantelamento da agricultura ou a pesca ten causa directa coas condición nas que se fixo a adhesión, nas que se negociou a entrada. A visión de espazo de prosperidade non era e finalmente o que facía era reproducir o modelo dos estados nacionais nos cincuenta ou sesenta. Un norte industrializado que define que política e especialización vai ter cada estado, nunha división na que nos tocou a peor parte. 

-O libro recolle visións desde distintas ópticas mais é a cuestión da perda da soberanía o eixo común da crítica desde o nacionalismo?

A UE devorou a soberanía entendida non como defensa da lingua e a identidade senón como o dereito das persoas a decidir democraticamente que facer cos recursos do seu país. Váleme igual para Galiza que para Luxemburgo ou o Reino Unido. O sistema institucional da UE e os procesos de toma de decisión son profundamente antidemocráticos. Se un país quixese acceder á UE con eses criterios non podería porque non cumpriría as esixencias democráticas que impoñen. Funcionan a través de colexios de comisarios ou o Consello Europeo. Dise que o setenta por cento das decisións na política dun país emanan de Bruxelas e proceden destes mecanismos, de grupos pequenos de persoa, de grupos de poder. Deciden sobre as nosas vidas, que tipo de interese teño se quero mercar un piso, se quero poñer unha empresa... vén definido desde instancias que eu non elixín. A soberanía é a decisión das persoas sobre o que afecta á súa vida e iso ponse en cuestión na UE. A crítica actual ten que encamiñarse, neste sentido, cara unha recuperación da soberanía. Acontece, por exemplo, en América Latina, cando Evo Morales fai, por exemplo, un discurso soberanista fronte instancias remotas que toman decisións e defende o dereito das persoas a decidir sobre os seus recursos en procesos que participan directamente. O libro céntrase niso, na reivindicación do soberanismo nun momento no que a idea de Europa entrou en crise.

Comentarios